A CIG ten convocadas concentracións para o vindeiro 19 de novembro, ás 11 horas, diante dos edificios da Xunta de Galiza das sete cidades en demanda da incorporación dunha cláusula de garantía salarial para o persoal empregado público, pola mellora das condicións laborais e por uns servizos públicos de calidade.

As protestas convócanse no marco do debate parlamentar da lei de orzamentos de Galiza e da lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2026, que non inclúen melloras nas condicións económicas nin de traballo do persoal ao servizo da Xunta, e coincidindo ademais coa data na que o Goberno español, previsibelmente, anunciará unha proposta concreta de incremento salarial, mais só a unha parte da representación sindical.

Sobre este punto, a CIG insta ao Ministro de Transformación Dixital e Función Pública a convocar de xeito inmediato á Mesa Xeral de Negociación para abordar un acordo salarial xusto para o conxunto do persoal empregado público e denuncia que, unha vez máis, o Goberno español está vulnerando o dereito á negociación colectiva recollido no artigo 34.1 do EBEP, ao convocar xuntanzas á marxe das mesas legalmente constituídas e só cunha parte dos sindicatos con dereito a representación.

Lamentamos que as centrais estatais se presten a este xogo co que Función Pública busca avalar a súa oferta sen negociación real e sen confronto sindical. Moito nos tememos que asinen outro acordo regresivo con incrementos por debaixo do IPC, na liña do pactado para o período 2022-2024, que deteriore aínda máis os nosos salarios e as condicións laborais.

Fronte isto, a CIG reclama para este 2025 e para o ano 2026 incrementos do 5% e que se aprobe por lei unha cláusula de garantía salarial, de xeito que os salarios no sector público se actualicen automaticamente cada ano en función da suba do IPC real. Sobre esta cuestión, a CIG presentou unha Proposición non de Lei para levar ao Parlamento galego e nestes momento está na fase de recollida de sinaturas.

 

Reforzar a administración e os servizos públicos

Pero alén da cuestión retributiva, incidimos na necesidade de incorporar medidas tanto nos orzamentos do Estado como nos da Xunta de Galiza que afiancen unha administración pública forte, moderna e ao servizo da cidadanía, como garante da igualdade e a cohesión social.

Para reverter as políticas de deterioro e desmantelamento dos servizos públicos dos últimos anos e o déficit de persoal derivado do mantemento das taxas de reposición, a CIG pula por axilizar e ampliar as ofertas de emprego público para renovar os cadros de persoal, crear novo emprego público e garantir unha administración con medios suficientes para atender as necesidades de todas e todos.

Nesta liña, rexeitamos a intención do Goberno español de eliminar a xubilación forzosa e permitir o traballo até os 72 anos, demandamos avances reais na implantación xeneralizada da xornada laboral de 35 horas á semana e a supresión integral da taxa de reposición de efectivos.

 

A respecto da Xunta, dende a CIG demandamos:

- Concursos de traslados permanentes.
- Xornada de 35 horas.
- Comisións de servizo noutros corpos ou escalas‍ do mesmo ou distinto subgrupo.
- Complemento de antigüidade para a homologación dos trienios‍.
- Promocións internas por concurso de méritos sen límite de prazas‍.
- A Administración debe esixirse a si mesma que o persoal de novo ingreso cumpra o requisito de coñecemento da lingua galega
- Recuperar os 9 días de asuntos particulares recortados no 2012.(Derrogar a lei de medidas 2012).
- Supresión da limitación nas contratacións de persoal substituto e interino.
- Un complemento transitorio do soldo base e trienios das pagas extraordinarias para recuperar o poder adquisitivo perdido dende o 2010.
- Carreira profesional aberta, xusta, equilibrada e que restaure dereitos á quen llos negou.