Chapuza para consolidar a rebaixa retributiva de 17 postos de traballo
Na mesa sectorial celebrada o pasado venres día 14/11 evidenciáronse as costuras rotas do Acordo de concertación social do emprego público de Galiza, asinado pola Administración da Xunta mais CC.OO e UXT, no que a funcionarización do persoal laboral se refire.
Dezasete postos de traballo de persoal laboral III-99 cunhas retribucións brutas anuais, sen antigüidade, que van dos 23.896 € aos 26.845,26 €, son propostos para a súa integración no subrupo C2 con niveis de CD14 e CE16, os que se corresponden ca retribución anual de 23.896 € e, os de maior retribución xa que teñen un plus máis, son propostos para o subgrupo C2 niveis de CD17 e CE17.
Pois ben, nos dous supostos de integración, os postos de traballo terán unha rebaixa retributiva entre 2.900 e 3.100 euros anuais.
O Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galiza, no seu art. 9.2 garante o mantemento das retribucións para aquel persoal que se manteña no posto obxecto da funcionarización; agora ben, no momento que quede vacante, estes postos terán unha perda retributiva de 3.000 €.
No caso daqueles postos afectados nos que se realizaba traballo noctuno, esa diferenza se verá incrementada xa que o novo persoal que ocupe estes postos non percibirá o plus de nocturnidade que ata de agora era dun 30% adicional do valor da hora de traballo para o período de traballo entre as 22.00 e as 6.00 horas.