Ante o 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a secretaría das Mulleres da CIG lanza unha campaña para denunciar a permisividade das condutas machistas nas institucións públicas, reclamar que se revertan os recortes en materia de igualdade aplicados pola Xunta de Galiza e a posta en marcha dun plan galego pola igualdade.
Tras varias décadas denunciando os comportamentos machistas que sosteñen o sistema económico e social no que vivimos, artellando propostas para que os poderes públicos incorporen de maneira transversal a perspectiva de xénero tanto na análise das causas da violencia machista como nas posíbeis solucións, vemos como as máximas autoridades do goberno galego exercen violencia institucional amparando a agresores.
Porque non importan as leis se non se executan. Non abonda introducir epígrafes nos orzamentos dirixidos á igualdade se ao final se opta polo lucro derivado da privatización de servizos esenciais que deberían ser universais. E menos aínda cando os orzamentos destinados a violencia de xénero baixan un 6,4%, xusto cando a taxa de violencia de xénero en Galiza aumentou case un 10% a respecto do 2024, e cando de media, os xulgados de violencia contra as mulleres recibiron 21 denuncias, case unha denuncia cada hora.
Non imos ficar en silencio cando quen ten a responsabilidade de protexer ás vítimas e castigar a violencia, ponse do lado do depredador. Por iso imos alzar a voz dándolles a palabra as protagonistas desta violencia institucional que non cesa: a das mulleres acosadas, agredidas, precarizadas e empobrecidas por mor das decisións políticas do goberno da dereita na Galiza.
E xa que o PP non quere recibilas nin sentarse a negociar, as mulleres da CIG farémonos escoitar mobilizándonos preto da unha da tarde diante da Sede do PP na Rúa San Pedro de Mezonzo o martes 25 de novembro, tras o Encontro Nacional de Mulleres Delegadas da CIG que terá lugar no salón de actos da Facultade de CC Políticas, en Santiago de Compostela.
Xa pola tarde, facemos un chamamento á participación nas mobilizacións da tarde convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país, dos que a CIG forma parte:
- A Coruña, 20h Obelisco
- As Pontes, 20.30h Praza do Hospital
- Betanzos, 20h Praza do Camp
- Carnota, 18.30h Praza da Pedra
- Chantada, 20.30h Praza do Cantón
- Compostela, 20h Praza 8 de Marzo
- Marín, 20h Praza 8 de Marzo
- Melide, 20h Praza do Convento
- Narón, 19h Praza da Gándara
- O Porriño, 20h Praza do Concello
- Ourense, 20h Castañeira (San Lázaro)
- Ponteceso, 20.30h Prada do Recheo
- Pontedeume, 20h Praza do Concello
- Pontevedra, 20h Praza da Peregrina
- Ribadavia, 20h Praza da Madalena
- Ribadeo, 19h Praza 8 de Marzo
- Vilagarcía, 20h Praza de Galicia
- Vilalba, 20h Praza da Constitución
- Vigo, 20h Vía Norte