A CIG rexeita unha nova rebaixa no poder adquisitivo e denuncia a farsa negociadora da Mesa Xeral

Consumouse outro pacto salarial pechado en Madrid que mantén a mesma fórmula de sempre: o persoal público continúa perdendo poder adquisitivo mentres os sindicatos estatais avalan acordos por debaixo do IPC.

Nada novo: nin recuperación do perdido, nin garantía salarial, nin cláusula de revisión.

A farsa negociadora da Mesa Xeral 36.1 do EBEP

O Ministerio presentou un «acordo» xa pactado con UGT e CSIF en reunións privadas, mentres a documentación aparecía filtrada por WhatsApp e na prensa días antes. Foi un proceso opaco, á marxe da Mesa Xeral, que exclúe deliberadamente a representación galega e vulnera a negociación colectiva.

A realidade é simple: todo estaba decidido en Madrid antes da reunión.

A proposta da CIG era clara

✔️ Salarios ligados ao IPC para non seguir perdendo poder adquisitivo.

✔️ Recuperación do 2,3% perdido no acordo anterior mediante unha suba do 5% en 2025 con efectos retroactivos.

O que implica realmente o acordo 2025-28

– Non se recupera o perdido entre 2022 e 2024.

– As previsións de IPC para 2025-26 confirman máis perda salarial.

 – O incremento total queda topado nun 11% en catro anos, menor que o acordo anterior.

– O Goberno pretende aprobar o acordo vía real decreto-lei sen garantir que o Congreso o valide, xerando máis incerteza e risco para o persoal público.

                                                                                                                        © CIG-Autonómica
Os datos non menten: a carestía da vida aumenta entre o persoal empregado público

Mentres o custo da vida medra de forma continua—case un 26 % acumulado desde 2022— os salarios do persoal público apenas avanzan un 21 % (aínda con escenarios optimistas), mesmo contando co pico do 4,5 % en 2027. A consecuencia é evidente: mantense unha perda real de arredor do 5 % de poder adquisitivo, unha fenda que nin o acordo 2025–28 repara nin pretende reparar. O pacto anterior (2022–24) afundira os soldos fronte ao IPC, e este novo pacto limítase a “maquillar” a situación cunha suba concentrada nun ano, sen criterios de garantía salarial e sen vinculación ao IPC, como si teñen as pensións. E tendo en conta un escenario estable e favorable en datos macroeconómicos as estimación de suba do IPC ata 2027 anda no 2% cada ano (para o 2028 non existen pero eiquí aplicamos 2027).

O gráfico é contundente: non hai recuperación, non hai compensación, non hai protección fronte á inflación. Hai un pacto de continuidade que mantén ao persoal público nunha senda de empobrecemento progresivo, disfrazada de avances que non son tales.

Só un sistema de revalorización automática ligado ao IPC evitaría estas perdas continuadas e garantiría salarios dignos e xustos para quen sostén os servizos públicos.

A CIG seguirá a loitar por unha proposta alternativa seria

A CIG non pode avalar un pacto fóra das mesas cos sindicatos estatais que consolida perdas salariais, que nos deixa por detrás das pensións e que se negocia de costas ao persoal público.

No primeiro trimestre de 2026 imos presentar unha iniciativa parlamentaria para que Galiza esixa unha lei estatal que garanta por lei subas mínimas ligadas ao IPC. A solución existe. O que falta é vontade política.