Resumo da reunión da comisión de seguimento do Servizo de Gardacostas do 10 de decembro no que se tratou a proposta de modificación da Orde de horarios e as carteleiras do primeiro semestre de 2026:

1. Proposta de carteleiras 

Logo do estudo das carteleiras para o primeiro semestre de 2026 constatamos enormes diferenzas entre bases. Con igual salario, o número de quendas, noites e fins de semana debería ser equivalente, pero atopamos diferenzas moi significativas: 20 ou 31 noites por semestre, ou con 8 ou 18 quendas de fin de semana, fins de semana partidos. Se a distribución de quendas, nocturnidades, fins de semana e cargas de traballo non é equivalente, prodúcese unha situación discriminatoria, xa que polo mesmo traballo estamos a cobrar diferente.

Os máximos da Orde actual non son asumibles, e cómpre elaborar unha carteleira modelo para todas as bases, que garanta equidade e condicións dignas.

Demostramos que mellorar as condicións e cubrir o servizo é perfectamente posible, e que presentamos un modelo que cumpre cos descansos entre quendas, establece 17 xornadas mensuais, ademais de fins de semana e festivos rotativos e equilibrados.

A Administración recoñeceu que é viable, mais insistiu na “falta de persoal” baseándose nas necesidades de cobertura do servizo. Finalmente acordouse desenvolver un programa específico de quendas, como o existente en Medio Rural ou Política Social. De igual forma deberán incentivarse retribuíndo as noites, máis de momento nin hai proposta.

2. Modificación de horarios: avances concretos

  • Acordáronse 60 horas mínimas de descanso entre quendas.
  • Máximo de 3 noites consecutivas.
  • As xornadas de fin de semana deberán realizarse sempre de maneira conxunta (sábado e domingo).
  • A formación relacionada co servizo ou coa prevención de riscos laborais realizarase en tempo de traballo ou será compensada.

Pendente:

  • Baixar o límite de 8 noites, valorando establecer un límite semestral.
  • O límite das 17 quendas/mes.

3. Aplicativo de quendas

Crearase un programa informático de planificación para organizar as quendas co que se poderá garantir unha distribución real e equilibrada da carga de traballo entre bases. Este aplicativo marcará: 

  • Noites por semestre,
  • número de quendas mensuais,
  • fins de semana traballados,
  • descansos mínimos entre quendas,
  • xornadas especiais rotatorias,
  • e poderá introducir períodos de maior interese para o servizo.

4. Toma de posesión, cobertura de vacantes e recoñecemento do servizo esencial

Esiximos canto antes, a toma de posesión dos postos do concurso e dos procesos selectivos, e que as novas vacantes se cubran dunha soa vez con persoal interino para garantir a operatividade do servizo.

O Servizo debe ser recoñecido como servizo esencial polas funcións en emerxencias, o que permitiría habilitar mecanismos de cobertura inmediata. Ademais, lembramos que se melloran as condicións laborais, incluídos os coeficientes redutores para a xubilación anticipada, desaparecerían moitas das dificultades actuais para captar e reter persoal.

A Administración insistiu en que, por agora, non pode cubrir as vacantes debido ás limitacións impostas por Función Pública e á falta de persoas inscritas nas listas de contratación.

Seguiremos loitando ate andar o camiño!!