A CIG-Autonómica chama a unha concentración diante do Parlamento da Galiza o vindeiro martes 16 de decembro ás 11 horas pola defensa dunha lei de orzamentos que recupere dereitos e salarios para o persoal público. Denunciamos a situación de empobrecemento que sofre o persoal e o deterioro contínuo dos servizos públicos.Nos últimos anos, as políticas liberais impulsadas polos gobernos do PP e do PSOE, tanto dende o Estado español como dende a Xunta de Galiza, están a desmantelar unha Administración Pública que debería ser forte, moderna e ao servizo da cidadanía.

A súa aposta pola privatización de servizos está a provocar un funcionamento deficiente da Administración e pon en risco a prestación dos servizos públicos que garanten a igualdade e a cohesión social. Ao mesmo tempo, as condicións laborais do persoal público empeoran ano tras ano. Perdemos máis do 20% do poder adquisitivo, mentres se conxelan as ofertas de emprego público propiciando o avellentando dunha administración incapaz de avanzar nun contexto de dixitalización e modernización.

É urxente axilizar e ampliar as ofertas de emprego público para renovar os cadros de persoal, crear novo emprego público e garantir unha Administración ao servizo da sociedade, con medios suficientes para atender ás necesidades de todas e todos.

A xubilación tamén é un dereito que os gobernos teñen posto no punto de mira. A intención de eliminar a xubilación forzosa do EBEP e permitir o traballo até os 72 anos é un ataque directo ao dereito ao descanso digno e á renovación xeracional. Preguntámonos como se vai renovar o persoal se pretenden que traballemos até os 72 anos?

A CIG rexeita rotundamente calquera intento de adiar a idade de xubilación. Denunciamos tamén a complicidade dos sindicatos estatais CCOO, UXT e CSIF, que coas súas sinaturas e pactos cos gobernos do Estado e da Xunta, contribuíron ao empobrecemento do persoal público e ao deterioro dos servizos. Asinaron acordos salariais por debaixo do IPC, acordos que mantiveron as taxas de reposición e que provocaron a perda de postos de traballo, ademais de pactos incumpridos que deixaron en papel mollado as súas promesas.

Agora, a historia repítese: volven negociar á marxe da Mesa Xeral, fóra do ámbito legal de negociación, perpetuando coa súa sinatura outro acordo regresivo, que deteriora aínda máis os nosos salarios e condicións laborais.

Para reverter esta situación esiximos ao Goberno do Estado e tamén da Xunta de Galiza unha lei de orzamentos que inclúa:

  • Unha Cláusula de garantía salarial blindada por lei máis, ademais dunha suba do 5% para este 2025 e para o 2026 (para isto temos en marcha unha iniciativa lexislativa para que o Parlamento galego inste á Xunta de Galiza a dirixirse ao goberno do Estado para que presente unha proposta de lei que recolla a cláusula de garantía salarial) 
  • Xornada laboral de 35h
  • Á Xunta de Galiza na súa lei de orzamentos demandámoslle:
    - Concursos de traslados permanentes.
    - Complemento de antigüidade para a homologación dos trienios‍.
    - Promocións internas por concurso de méritos sen límite de prazas‍.
    - A Administración debe esixirse a si mesma que o persoal de novo ingreso cumpra o requisito de coñecemento da lingua galega
    - Recuperar os 9 días de asuntos particulares recortados no 2012. (derrogar a lei de medidas 2012).
    - Supresión da limitación nas contratacións de persoal substituto e interino.
    - Un complemento transitorio do soldo base e trienios das pagas extraordinarias para recuperar o poder adquisitivo perdido dende o 2010.
    - Carreira profesional aberta, xusta, equilibrada e que restaure dereitos á quen llos negou.

Coa CIG na rúa, a loita continúa!