O sábado 13 de decembro, a CIG convocou xunto con outras organización sindicais, unha manifestación en Compostela para denunciar o incumprimento do Acordo que a Consellería de Política Social asinou no ano 2023 con CIG, CCOO, CSIF e UGT.

A piques de rematar a vixencia do Acordo, a Administración aínda non activou as subcomisións necesarias para desenvolvelo. Está a Consellería a agardar pola caducidade do Acordo para comezar a cumprilo?

Un dos exemplos máis graves é a falta do protocolo fronte ás agresións físicas e verbais, imprescindible nos centros de atención directa. Hoxe en día están a ingresar persoas con patoloxías psiquiátricas ou adiccións, e o persoal enfróntase a situacións de risco sen as ferramentas nin os recursos mínimos. Isto non é unha opinión, é o día a día de quen sostén estes servizos.

A realidade é que os rateos de persoal están obsoletos desde 2006, e isto tradúcese en situacións límite: centros onde unha soa persoa traballa de noite atendendo a todos os residentes mesmo en varios andares diferentes. A Administración está a facer que o persoal asuma responsabilidades imposibles, poñendo en risco tanto ao persoal como ás persoas usuarias. Durante a pandemia e nos meses posteriores reforzouse o persoal e quedou demostrado que era necesario para dar un  servizo axeitado. Pero a resposta da Consellería foi despedilo en canto puido e volver a deixar os centros en situación de mínimos permanentes.

E isto non afecta só aos centros de maiores ou menores. Dependencia, os EVO e os Equipos de Menores, escolas infantís... son servizos que a día de hoxe están igualmente saturados. No caso dos Equipos de Menores falamos de persoal técnico con ata 140 expedientes, cando o rateo recomendado é de 20. É evidente que así non se pode garantir a protección da infancia nin un seguimento digno dos casos. Ademais, en demasiados lugares trabállase en instalacións indignas, sen privacidade e incumprindo mínimos básicos para respectar a integridade das persoas usuarias.

Por iso dicimos alto e claro: a Consellería de Política Social ten abandonados os servizos sociais públicos e ao persoal que os sostén!. Esiximos o reforzo inmediato dos cadros de persoal, a creación das prazas necesarias e a apertura dunha mesa de negociación seria, con vontade real de resolver problemas, non de adialos.

Os servizos públicos non se sosteñen con discursos, senón con recursos e con respecto ao seu persoal e as persoas usuarias. E ese respecto comeza por cumprir os acordos asinados!