A CIG-Administración Autonómica denuncia que o 9 de decembro o Consello da Xunta de Galiza aprobou unha partida orzamentaria de 1.012.958,53 euros destinada ao pagamento de gratificacións extraordinarias e horas extra a parte do persoal do dispositivo de extinción de incendios forestais —persoal técnico, axentes ambientais e bombeiras forestais—, sen negociación coa representación do persoal e cunha absoluta falta de transparencia nos criterios de concesión.

Esta partida desagrégase en 670.897,03 euros correspondentes ao persoal funcionario e 342.061,50 euros destinados ao persoal laboral, cuxos pagamentos anunciaron que van incluír na  nómina do mes de decembro. Como exemplo do dilapidamento e da falla de xustificación dos motivos causantes determinadas xefaturas provinciais van percibir arredor de 14.000 euros, cando xa contan cun complemento de dispoñibilidade.

A Xunta afirmou publicamente que estas gratificacións foron negociadas cos sindicatos, unha afirmación rotundamente falsa. A CIG, forza sindical maioritaria, non foi convocada a ningunha mesa de negociación. Isto evidencia unha grave falta de respecto polos dereitos de representación do persoal empregado público e pon de manifesto, unha vez máis, a actitude chulesca da Consellaría do Medio Rural, que entendemos que se reúne con “persoas delegadas de sindicatos afíns” e acordan o reparto de cartos para tentar aplacar a súa ineptitude na xestión dos lumes.

Esta opacidade no reparto das cantidades está a xerar importantes agravios comparativos e un maior deterioro do clima laboral, xa seriamente danado pola nefasta xestión de persoal que realiza a Consellaría e que cada ano vén sendo denunciada pola CIG.

A utilización de máis de 1 millón de euros sen criterios públicos, sen documentar e sen informar sequera ás xuntas de persoal nin ao Comité Intercentros, está a xerar un profundo malestar no conxunto do persoal da Administración. Por exemplo, o persoal administrativo dos corpos xerais de diferentes consellarías, que asumiron cargas extraordinarias de traballo durante o pasado verán, non recibiron un recoñecemento equivalente.

Na vez de asumir responsabilidades após a vaga de lumes do pasado verán, o presidente da Xunta opta por recuperar políticas retributivas obsoletas (as retribucións variables elimináronse no SPIF entre finais dos 90 e o 2004) introducindo, ademais, un incentivo perverso nun servizo tan sensible como a loita contra os incendios forestais, ao vincular maiores retribucións con resultados tan dramáticos como a superficie queimada. Esta deriva resulta absolutamente inaceptable: no ano 2022 repartíronse máis de 200.000 euros, no 2025 supérase o millón, e a pregunta é inevitable: na próxima vaga de lumes, canto máis pensa repartir a Xunta?

Ante a gravidade dos feitos a CIG está a valorar a situación cos seus servizos xurídicos, presentará unha denuncia perante o Consello de Contas e dirixirase formalmente á presidencia da Xunta e á Consellaría do Medio Rural para esixir transparencia, acceso á documentación e respecto aos dereitos de representación do persoal empregado público.

Ante as vagas de lume, a solución pasa por prever, fortalecer o sistema de extinción —mellorando as condicións laborais e achegando medios— e restaurar o medio natural queimado, non por incentivar economicamente o fracaso.