Publícase o Real Decreto-lei que regula as cotizacións adicionais do persoal bombeiro forestal e axentes ambientais e que desbloquea a xubilación anticipada do persoal axente ambiental

A CIG-Autonómica valora positivamente a publicación no BOE do Real Decreto-lei 16/2025, do 23 de decembro, que regula as cotizacións adicionais para axentes forestais, ambientais e persoal bombeiro forestal, e que permite facer efectivo o dereito á xubilación anticipada dos e das axentes ambientais.

Este dereito, que aínda que fora recoñecido pola Lei 4/2024, do 8 de novembro, básica de axentes forestais e ambientais, non se podía exercer na práctica, xa que o Real Decreto 919/2025, do 15 de outubro, polo que se establecía o coeficiente redutor da idade de xubilación para este colectivo, pospuña a súa vixencia e aplicación á aprobación da Lei de Orzamentos Xerais do Estado ou a unha norma posterior que regulase a cotización adicional. Esa norma é precisamente o Real Decreto-lei aprobado, que fai efectivo o dereito.

Redución da idade de xubilación e requisitos

Coa entrada en vigor desta regulación, os e as axentes ambientais poderán reducir a súa idade ordinaria de xubilación, ao igual que o persoal bombeiro forestal, aplicando un coeficiente redutor do 0,20 por cada ano traballado, sempre que se cumpra o requisito dun mínimo de 15 anos de actividade en postos con coeficientes redutores.

A CIG destaca especialmente que, grazas ás achegas realizadas durante o proceso de participación dos reais decretos, recolleuse a posibilidade de sumar e compatibilizar os períodos traballados como axente ambiental e como bombeiro/a forestal. Esta cuestión é fundamental na Galiza, onde é habitual que moitas persoas alternen ambas funcións ao longo da súa vida laboral, e permite que estes tempos computen conxuntamente para cumprir os requisitos e calcular a redución da idade de xubilación.

Cotización adicional e aplicación en Galiza para bombeiras forestais e axentes ambientais

O Real Decreto-lei fixa unha cotización adicional total do 10,60 %, da que o 8,84 % corre a cargo da Xunta e o 1,76 % a cargo da persoa traballadora. No caso de Galiza esta cotización xa está prevista nos orzamentos da Xunta para o ano 2026, polo que a aplicación comezará a facerse efectiva a partir dese exercicio.

A evolución: de textos ocos a leis básicas que afianzan dereitos

Para a CIG-Autonómica, este avance é o resultado dun traballo sindical sostido desde o ano 2018, tanto na tramitación das leis básicas como no desenvolvemento regulamentario posterior. Inicialmente ningún dos textos das leis básicas contiña os coeficientes redutores e que, mesmo, se intentou limitar o dereito á xubilación anticipada nos primeiros reais decretos de regulación aplicando porcentaxes máximas anuais producindo unha discriminación intolerable.

Cos bombeiros e bombeiras forestais conseguimos o recoñecemento expreso da categoría: era ou SI ou SI

Logo de mais de 10 anos de loita e dende que no 2015 no gañamos xudicialmente a denominación de bombeira/o forestal, e xa estabamos a pelexar o dereito de xubilación en base a regulación de bombeiros. Coa lei traballamos arreo nos grupos de traballo e participamos nas achegas aos documentos normativos, pero aínda que o pretenderon, non íamos permitir nin un paso atrás nin rebaixas na aplicación dos coeficientes.

Axentes ambientais: unha lei impulsada tras o asasinato de dous compañeiros en Cataluña

A necesidade desta lei básica naceu tras a forte presión social provocada polo asasinato de dous axentes forestais en Cataluña, coa intención de avanzar na seguridade do colectivo. Porén, o texto inicial era pouco máis ca unha declaración de intencións, sen obrigas nin dereitos reais. Mesmo despois das reunións mantidas cos grupos do Congreso e das achegas realizadas no MITECO no que se incluíron bastantes melloras, a lei básica de axentes forestais e ambientais chegou ao Congreso en 2024 sen incluír o dereito á xubilación anticipada, que só se incorporou tras a presión sindical da CIG exercida ata o último momento, xunto co papel decisivo do BNG no Congreso dos Deputados.

Non son aceptables normas básicas baleiras que afecten ao persoal autonómico ou que rebaixen dereitos que estabamos a conseguir pola vía xudicial ou incluso que introduzan fórmulas de sometemento aos corpos e forzas de seguridade como na de axentes. Resultaba imprescindible que ás leis recollesen dereitos que deben ser regulados polo estado español, como a xubilación anticipada ou o recoñecemento das enfermidades profesionais, nun colectivo sometido a condicións de especial penosidade, perigo e risco.

Todos os compañeiros e compañeiras estamos de parabéns, e definitivamente, a publicación deste Real Decreto-lei culmina un proceso longo de reivindicación e fai xustiza. Xa estamos a loitar porque queda pendente o estudo e recoñecemento das enfermidades profesionais. E tamén a aplicación efectiva das leis pola Xunta de Galiza, que máis dun ano despois da súa entrada en vigor, ten a maior parte dos deberes sen facer.

OS DEREITOS CONQUÍSTANSE LOITANDO