Comezando o século XXI, o persoal coidador da Xunta de Galiza, que por aquel entón era persoal laboral, estaba sendo reclasificado ao Grupo III do V Convenio colectivo. Os xulgados estabanlle dando a razón a un persoal que exixía que se recoñecese a realidade do traballo que estaban a desenvolver na maioría dos centros de educación nos que atendían ao alumnado de Educación Especial; esa labor non era unicamente asistencial senón que tamén era en certa medida educativa e en moitas ocasións con certo grao de responsabilidade. Tamén existía unha pequena porcentaxe deste persoal que sempre pertenceran ao grupo III de persoal laboral, incluso chegando subrogado dende un grupo A2 de funcionariado dende outras administracións.
Chegou un momento no que gran parte do persoal coidador pertencía ao Grupo III e nalgunhas zonas superaba ao persoal coidador que aínda permanecía no grupo IV; entón a Admistración galega engadiulle ao Grupo III a coletiña “a extinguir” e, a causa disto, as sentenzas comezaron a perderse.
Agora a Xunta orquesta unha funcionarización do persoal laboral na que a grande maioría sae perdendo e o persoal coidador, ademáis, sae degradado; todo o persoal coidador é funcionarizado na escala C2.
A Consellaría de Educación di que o persoal coidador, unha escala maioritariamente feminizada, non ten funcións educativas, di que é persoal asistencial unicamente; con todo, nos centros de ensino e mesmo nas direccións territoriais semella que non teñen idea disto, xa que cada vez máis coidadoras permanecen con horarios maratonianos desenvolvendo as tarefas asistenciais que se reflicten na Orde de atención á diversidade (https://i.gal/QaoG0) publicada no DOG do 26 de outubro do 2021 e compaxinándoas coas estadías nas aulas nas que algunhas equipas directivas e departamentos de orientación pretenden que fagan labores de apoio e de modificación de condutas ao alumnado con diversidade funcional... ou sin diversidade.
Porque hai coidadoras atendendo alumnado que non ten necesidade de ser atendido polo persoal coidador pero é alumnado que presenta condutas disrruptivas na aula, e ante a falta doutros recursos ou da necesaria intervención do profesorado, non hai mellor solución que cargarllo ao eslabón máis feble da comunidade educativa: o persoal non docente, o persoal coidador, que xa que anda por alí pois leña ao mono. Da mesma maneira adxudícaselle atención ao alumnado de educación infantil en moitos centros escolares. A CIG leva moitos anos solicitando que se dote ao persoal coidador dunha relación oficial do alumnado que ten adxudicado. A reticencia a facilitarlle dita lista, por algo será...
Discordancia entre o que di a Consellaría e o que se esixe nos centros de ensino ao persoal
Falando de “leña ao mono”, alguén debería explicarlle ás equipas directivas dos centros de ensino que o persoal coidador NON son gardas de seguridade, non están para parar os golpes do alumnado con condutas agresivas nin para facer expresamente reducións físicas dos alumnos con brotes de agresividade. Pero fano, e despois de saír malladas, a administración négase a recoñecerlles a perigosidade do seu traballo.
Tamén faría falta advertirlles que este persoal, durante os recreos, é persoal colaborador, sendo responsable do alumnado o persoal docente. Si durante o recreo hai alumnado con dificultades ou problemas de conduta serios e dúas persoas non son dabondo para atender ese recreo, haberá que incrementar o persoal docente nesas gardas e non desentenderse e tratar de responsabilizar do alumnado ó persoal coidador.
Durante as negociacións das funcións da Orde de atención á diversidade, a administración accedeu a retirar das funcións do persoal coidador dúas funcións que nun primeiro momento estaban no borrador da orde: a administración de medicación ao alumnado e a atención do alumnado durante as actividades extraescolares; conviría lembrar isto e lembrarllo ás direccións territoriais, ás inspeccións educativas e ás equipas directivas dos centros de educación, que aínda presionan ao persoal coidador para que faga esas funcións.
Abuso das itinerancias
Pero, atención!, un bo día unha inspección educativa pasa polo centro de ensino e, ante o desgusto da docencia, decide que o persoal coidador xa non é necesario alí. Ímolo mover para outro lado, porque é persoal “itinerante”; e no medio dun curso escolar e dun día para o seguinte, unha traballadora ou un traballador son itinerados a unha localidade que tranquilamente pode distar da orixinal en 150 km, porque a itinerancia é provincial, e que máis da! o persoal non docente pouca vida pode ter.
Itinerancia... ou corre quendas. A itinerancia nun principio funcionaba así: este curso nun centro deixa de haber necesidade de persoal coidador así que o curso escolar próximo deberá traballar noutro centro de ensino. Pero actualmente a itinerancia converteuse na bicoca da Consellaría de Educación para non recorrer ás listas de contratación para as substitucións: que falta unha coidadora porque ese día vai ao médico: itinerancia de outra coidadora de outro centro; que unha coidadora acompaña unha saída escolar: itinerancia!; que no tempo de recreo unha coidadora non abonda: itinerancia!; que hai que acompañar a un alumno/a a cruzar un paso de peóns: itinerancia! Así, dun día para outro, sen que unha traballadora poida sequera organizar a súa propia vida.
Degradazón profesional
Este persoal non só sofre unha degradación da súa categoría profesional, que estaba a ser recoñecida nos xulgados, sofre tamén unha degradación moral por parte de moitos dos seus superiores que pretenden que sexan os comodíns dos centros de ensino e que en moitas ocasións non recoñecen o valor do seu traballo. Intentan manter a este persoal cunha ocupación total e activa da súa xornada laboral, encomendándolle funcións que non lle corresponden.
O persoal coidador está nos centros para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais, segundo a administración, con tarefas asistenciais; se nalgún momento non está levando a cabo algunha delas non significa que non estea traballando, está dispoñible en expectativa das necesidades, no caso contrario non estaría alí, pero iso non significa que se lle podan encomendar unhas tarefas que non son as súas ou que deba soportar comportamentos que erosionan a súa dignidade.
O persoal coidador é fundamental nos centros de ensino; son as persoas de referencia para o alumnado máis vulnerable, as que o manteñen seguro, limpo, as que o alimentan, as primeiras persoas que o reciben no colexio e as últimas que o devolven a casa, as que o integran cos compañeiros e compañeiras, as que o levan da man... Pero tamén son as que lle ensinan a comer, a asearse, a xogar, a atarse as deportivas, a respectar a súa quenda, e a tantas outras cousas. O persoal coidador non da clase pero ensinar, vaia se ensina!
Ou arre, ou so
A itinerancia debe negociarse para acadar coherencia co seu propósito, que non é o de facer substitucións, percorrer un número indeterminado de centros ou cambiar de localidade a demanda da Consellaría, porque iso non é itinerancia senón disponibilidade absoluta.
E por outro lado clarexemos o carácter do persoal coidador. Se a Consellería de Educación nega que teña funcións educativas, este persoal non deberá permanecer nas aulas a non ser en circunstancias moi puntuais que case nunca se dan na realidade e realizará unicamente as funcións asistenciais que se lle recoñecen.
Porque é moi proveitoso para a administración tratar ao persoal como a títeres aos que itineran ao seu antollo e que realizan funcións que nin se lle recoñecen nin se lles remuneran.
Por todo isto, na CIG consideramos fundamental negociar un Acordo de condicións de traballo para o persoal non docente dos centros de ensino, onde as condicións non dependan da dirección que nos toque en sorte.