A CIG-Autonómica denuncia o pacto entre as gardarías e escolas infantís privadas para anticipárense á pública e abriren a matrícula o vindeiro 2 de febreiro.
Este pacto é posíbel porque a Xunta de Galiza non lles esixe no concerto a coordinación de datas coa escola infantil pública. Desta maneira, mentres as escolas infantís públicas adoitan abrir o prazo de reserva de prazas derredor do 15 de marzo, as escolas privadas fano até mes e medio antes. Esta diferenza non é casual nin técnica: é unha decisión política da Xunta de Galiza para favorecer á privada fronte á opción propia.
A Xunta de Galiza financia ao 100% as prazas de 0 a 3 anos nas escolas privadas, sen ter en conta, na práctica, o nivel de renda das familias. Porén, nas escolas públicas hai que agardar á publicación oficial do prazo no DOG, xerando unha incerteza que empurra ás familias a reservar primeiro na privada por medo a quedaren sen praza.
Esta falla de regulación é intencionada. Serve para favorecer a matrícula nas escolas privadas e para presentar como «elección libre» o que en realidade é unha elección condicionada. Non se trata dun erro nin dun baleiro normativo: a Xunta decide non regular porque lle interesa non facelo.
A mesma ausencia de control repítese noutros aspectos fundamentais:
• Non se garante o uso da lingua galega nas escolas privadas financiadas con cartos públicos
• Non se esixen as mesmas condicións laborais nin a mesma cualificación do persoal
• Non se supervisan coa mesma esixencia as razóns escolares (número de escolares por cada profesor/profesora) nin os proxectos educativos
É dicir, págase co público un servizo privado sen esixir as garantías propias da rede pública.
Este modelo responde a unha estratexia clara de privatización progresiva da educación infantil: primeiro péchanse escolas públicas temporalmente ou redúcense horarios; despois facilítase que as privadas funcionen a tempo completo; agora manipúlanse os prazos de admisión... Paso a paso, vaise debilitando a rede pública mentres se fortalecen empresas privadas que fan negocio cos servizos sociais e educativos.
O resultado é un sistema cada vez máis desigual: a rede pública queda relegada, especialmente nas zonas con maior demanda, mentres se mantén só no rural con pouca poboación, onde non resulta rendíbel para as grandes empresas.
Non é liberdade de elección, é unha privatización planificada con cartos de todas e todos!