As equipas técnicas do servizo de menores da Consellaría de Política Social e Igualdade levan anos sufrindo o desleixo desta Consellaría que, lonxe de escoitar as demandas históricas deste e doutros colectivos da área social da Administración, négase sequera a sentarse nunha mesa a negociar as condicións do seu persoal. 

Derivado dun recurso ao límite da súa capacidade cunha ratio de menores por técnica/o absolutamente irracional e cuns centros sobreocupados, este servizo resposta con moitas dificultades ao fin último para o que foi concebido como garante do dereito superior de protección á infancia.

Demandas das equipas técnicas do menor (ETM)

  • A falta de recursos humanos técnicos axeitados para dar unha resposta de calidade na protección á infancia. Técnicos responsábeis de 100 casos cando postulados europeos falan de ratios de 20 exemplifican claramente a necesidade de reforzo e incremento das equipas.
  • A falta de especificidade das funcións derivada da LEPG. O traballo en Equipas multidisciplinares conformadas por diferentes categorías profesionais tales como psicólogas, pedagogas, traballadoras sociais e educadoras sociais debería presupor a conexión de sinerxias das diferentes profesionais para dar unha atención de calidade a esta infancia vulnerábel. En troques disto, o volume de traballo fai que as técnicas teñan repartidos os casos e aínda que colaboren en equipa e as intervencións se fagan en parella, e exista unha comisión de valoración, cada quen é referencia dos seus expedientes polo que a formación inherente ás diferentes categorías se ven diluídas na premura e volume das intervencións, dándose o resultado nefasto para o bo funcionamento e a cohesión do servizo que diferentes profesionais que acaban facendo o mesmo traballo, co mesmo nivel de responsabilidades perciben sen  embargo distintas retribucións.
  • A carencia de protocolos claros, elaborados con premisas nas que se priorice a seguridade nas intervención, sobre todo daquelas realizadas no exterior dos edificios administrativos predispoñen ao persoal a unha clara indefensión ante posibles riscos ou agresións. Elementos como un carné identificador, follas de servizo para os desprazamentos, uso de vehículo oficial e incluso acompañamento polas forzas de seguridade así como acompañamento xurídico á hora de reaccionar ante posibles agresións dentro do cumprimento das súas obrigas funcionais, poderían dotar de seguridade tanto xurídica como física a estes profesionais.
  • Estudo e racionalización de niveis con outros servizos con iguales ou menores funcións e responsabilidades.
  • Adecuación dos edificios e espazos ao traballo realizado, dotados sempre de salas que podan garantir a privacidade, confidencialidade e comodidade das familias e sobre todo das crianzas e a seguranza do persoal técnico intervinte
  • Reforzo no número de prazas e centros públicos que podan adecuarse á necesidade real de protección á infancia do País. Dende a CIG consideramos que o modelo de centro está caduco e deberiamos camiñar a un modelo de centros públicos pequenos diseminados polo territorio que podan dar resposta ás necesidades da infancia actual.
  • A falla de centros específicos e especializados que poda dar resposta á multitude de variábeis que pode presentar a intervención coa infancia en protección, produce centros ateigados con tal variedade de situacións e incluso patoloxías que as dificultades do traballo multiplícanse en escalada para toda a cadea de servizos que traballan cos menores.

Respostas dadas pola Consellaría ante esta problemática:

  • Ao escrito dirixido á Consellaría e asinado por 34 persoas da ETM de Vigo presentado o 25 de setembro de 2025. Sen resposta.
  • Ao escrito dirixido á Consellaría e asinado por 30 persoas da ETM de A Coruña presentado en outubro. Sen resposta
  • Ao escrito dirixido á Consallería e asinado polo persoal da ETM de Ourense presentado o 17 de otubro de 2025. Sen resposta.
  • Ao escrito dirixido á Consellaría e asinado por 30 persoas da ETM de Lugo presentado o 06/11/2025. Sen resposta
  • Ao escrito dirixido á Consellaría polas ETM  das catro provincias presentado o 25/10/2025. Sen resposta
  • Ao escrito dirixido á Consellaría polo Comité Intercentros en data 22/10/2025. Sen resposta
  • Ao escrito dirixido á Consellaría pola CIG con data 10/11/2025. Sen resposta.

Señora Fabiola, non é a CIG a que a acosa, tal e como vostede malinforma usando medios de comunicación afines ao réxime pero pagados por todas e todos, son as traballadoras e os traballadores que da súa Consellaría dependen que, ao ter permanentemente a calada como única resposta, acoden á CIG na defensa non so dos seus dereitos e condicións laborais, senón duns servizos públicos de calidade que den protección e resposta ás súas máis que acaídas demandas.

Polo que ate que isto mude e se sente vostede ou alguén da súa Cosellaría a tratar a abondosa problemática de todo o persoal de Política Social, dende a CIG berraremos alto e claro e aínda que a vostede lle pese:

“Fabiola dimite, o persoal de menores non te admite!”