A Consellaría de Educación segue a actuar de xeito discriminatorio nos centros de ensino públicos de Galiza, actuando ante un mesmo feito causante de xeito diferenciador, constatándose así a existencia dun persoal de primeira, docente e un persoal de segunda, non docente.
Por un lado, o persoal docente con responsabilidades directivas ou de coordinación, terán como máximo, as reducións horarias semanais que se indican a continuación: ”ós representantes dos profesores no Consello Escolar computaránselles dúas horas complementarias fixas por tal motivo; para iso, sempre que as dispoñibilidades do centro o permitan, non se lles asignará ningún grupo de titoría. En caso contrario as dúas horas descontaranse das outras complementarias, segundo as prioridades que estableza a dirección do centro en función das necesidades.” É dicir, recoñéceselles a posibilidade de compensar con dúas horas complementarias o tempo de participación nos Consellos Escolares. (Orde do 1 de agosto de 1997 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996 polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria)
No que atinxe ao persoal non docente e, a pesar de que a súa participación, nalgúns casos sexa directa, tal e como reflexa a lexislación “os centros docentes nos que exista un só membro correspondente a este sector quedará automaticamente integrado no Consello Escolar”, non se lle recolle compensación algunha.
Levamos xa presentado varios escritos sobre este asunto tanto á Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional como á Dirección Xeral de Emprego Público sen que ata de agora obtiveramos resposta, na súa tónica habitual de desleixo ao persoal empregado público.
Así pois, dende a CIG denunciamos a falta de coherencia no funcionamento dos centros de ensino con respecto ao seu persoal e solicitamos que dende a Administración pública se den instrucións claras e non discriminatorias no que atinxe ao dereito de todo o persoal a ser compensado pola participación nos Consellos Escolares dos centros educativos públicos galegos.