A CIG denuncia que o custe da vida subiu por riba da suba do Acordo salarial para 2025 e esixe incrementos superiores ao IPC, o estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial e unha negociación colectiva real
O incremento salarial do 2,5 % que o persoal empregado público percibiu estes días na súa nómina, non supón ningunha mellora real das retribucións posto que o IPC co que cerramos en 2025 foi o 2.9%. Así pois e malia que o Goberno español e os sindicatos estatais CSIF, CCOO e UGT o presenten como un logro do chamado “acordo salarial estatal” a realidade é tozuda e a perda retributiva xa para este ano é o 0.4%.
Este incremento, pactado en Madrid por detrás das mesas xerais de negociación e polo tanto sen contar coa CIG -sindicato maioritario en Galiza-, non permite recuperar o poder adquisitivo perdido polo persoal e constitúe, na práctica, un novo pacto de perdas salariais.
Dende a CIG lembramos que o persoal empregado público leva anos sufrindo unha perda continuada de salario real, consecuencia de incrementos retributivos sempre por debaixo do IPC, da conxelación salarial imposta en etapas anteriores e da ausencia dunha cláusula de garantía salarial que blinde os soldos fronte á inflación. Só desde o ano 2010, a perda acumulada de poder adquisitivo supera amplamente o 20%.
Por iso, reiteramos que a suba do 2,5 % que se cobrou nestes días “non compensa o aumento do custo da vida, non recupera as perdas salariais acumuladas e consolida o empobrecemento” do persoal ao servizo das administracións públicas.
Fronte a isto, o persoal empregado público esiximos incrementos salariais reais por enriba do IPC, o establecemento dunha cláusula de garantía salarial que opere automaticamente cada ano e que unha negociación colectiva real, nos ámbitos legalmente constituídos e con respecto ás competencias galegas. Por isto dende a CIG continuaremos a mobilizarnos en defensa dos salarios, da dignidade profesional e duns servizos públicos de calidade e con dereitos laborais.
Consulta os motivos para rexeitalo na seguinte ligazón
