O persoal Intérprete de LÍNGUA de Signos Española (ILSE) que presta servizo nos centros educativos públicos da Galiza dende o curso 2003/2004, leva anos sufrindo un deterioro progresivo das súas condicións laborais, cada vez máis afastadas da realidade profesional actual e das esixencias do traballo que desenvolve a diario nos centros.

Esta situación non é froito da casualidade, senón consecuencia directa da falta de regulación, da ausencia de negociación colectiva e do abandono por parte da Consellaría de Educación que manten ao persoal non docente nunha situación precaria e obsoleta.

Esta realidade resulta incompatible cun sistema educativo público que se pretenda inclusivo e garante da igualdade de oportunidades, xa que a precarización das ILSE impacta directamente na atención educativa do alumnado con xordeira e nas condicións nas que se desenvolve o proceso de ensino-aprendizaxe.

Entre as principais problemáticas, salientamos:

  • Non se recoñece o tempo de preparación, coordinación e seguimento educativo, malia seren tarefas imprescindibles para garantir unha interpretación axeitada no contexto escolar.
  • Como acontece con outros colectivos do persoal non docente, non se regulan nin se valoran adecuadamente as itinerancias, xerando unha sobrecarga laboral e situacións de desigualdade.
  • A inexistencia de profesionais nas listas de substitución, consecuencia directa dunhas condicións laborais precarias e dunha xestión claramente deficiente.
  • Non se recoñece a formación real no acceso ao posto.
  • Non se recoñece o papel profesional das ILSEs, malia desenvolver o seu labor de maneira directa nas aulas e formar parte do proceso de ensino-aprendizaxe.
  • Ausencia dun plan de formación específico a través da EGAP e dificultades para acceder á formación continua.

A dignificación das condicións laborais das ILSE é responsabilidade da Administración como garante dun servizo público educativo de calidade. 

A situación das ILSE non é un feito illado, senón parte dun problema estrutural que afecta ao conxunto do persoal non docente. A mellora das condicións das ILSE vai coa loita colectiva pola negociación dun Acordo de condicións de traballo para todo o persoal non docente, imprescindible para dignificar as profesións, recoñecer o traballo real que se desenvolve nos centros de ensino e poñer fin á arbitrariedade e aos abusos.

Na CIG, non imos parar de loitar coas nosas compañeiras e compañeiros pola negociación dunhas condicións laborais xustas!