A CIG xa advertira da barbaridade que introduciu a Xunta na lei de medidas que coa escusa de axilizacion de trámites cargábase as mínimas garantías do prodedemento de dependencia na vez de aumentar persoal nss equipas de valoracion de dependencia
O Tribunal Constitucional admite a trámite o recurso de inconstitucionalidade contra os cambios legais da Xunta metidos a calzador na lei de acompañamento nos artigos que fan referencia ao eólico e ao Plan de axilización e simplificación dos trámites da dependencia e discapacidade.
O Tribunal valida así a capacidade do goberno outorgada pola Constitución mediante o artigo 161.2 para impugnar as disposicións e resolucións adoptadas polas Comunidades Autónomas. Isto supón a suspensión destas resolucións por vulnerar competencias exclusivas do Estado:
- O artigo 30 na que a lei aprobada pola Xunta obriga ás empresas eléctricas a repontenciar os parques eólicos pasado un prazo de 25 anos.
- A homologación directa pretendida pola Xunta no seu Plan de axilización e simplificación dos trámites da dependencia e discapacidade outorgando de facto un grado de discapacidade directamente ás persoas usuarias que teñan concedida a dependencia.
Cando o pasado 3 de marzo, en comparecencia pública Rueda anunciou nos medios afíns á causa este plan que tal e como xa denunciamos dende a CIG daquela non era máis ca unha lavada de cara ante a opinión pública diante dos atrasos de máis de 2 anos para a resolución dos expedientes de dependencia, xa informamos da dúbida formulada polo goberno de España que a través do Ministerio de Política Territorial enviara á Xunta unha invitación para participar na comisión bilateral de cooperación para abordar as discrepancias que afectan a varios artigos da lei, advertindo de que en caso de non haber acordo o asunto podería rematar no Tribunal Constitucional...
Pois tal e como reza o dito popular na nosa terra o que "mal comeza, mal acaba", a improvisación feita de cara á galería sen entrar no fondo da problemática, sen contar coa opinión do persoal técnico das equipas de valoración, sen un reforzo efectivo do persoal, desprofesionalizando ás traballadoras sociais ao eliminar os ata agora prescriptivos informes sociais, permitindo valoracións telefónicas como acontece na actualidade e apostando na realidade por uns incentivos a través dun plan de produtividade que consideramos ineficaz posto que o persoal está sobrecargado e evidencia a necesidade de máis equipas, remata coa cualificación de inconstitucionalidade dos mencionados artigos.
Dende a CIG consideramos que se precisa dunha implementación real da Dependencia para todas as persoas que a necesiten, con servizos sociais públicos de coidados de xestión directa, e que tanto a tramitación, a asignación dos recursos e a súa xestión non pretendan o desprestixio do servizo e a súa privatización. E todo iso pasa necesaria e ineludiblemente pola creación de novos equipos e o incremento de persoal, espazos axeitados para traballar, formación específica para todo o persoal e formación inicial para o persoal de nova contratación.