A CIG-Autonómica asistiu o sábado 7 de febreiro á xuntanza dos grupos de traballo do proceso social de Lingua Vital, que tivo lugar en Compostela, para concretar o texto do Protocolo Lingua Vital.

O obxectivo da xuntanza do Proceso social de Lingua Vital, do que a CIG-Autonómica forma parte, foi concretar o protocolo de actuación ante a emerxencia lingüística do galego. Este protocolo parte dos obxectivos e dos acordos estabelecidos arredor da lingua e fornece accións concretas que comprometen na defensa activa do galego tanto aos poderes públicos como ás entidades sociais.

A CIG-Autonómica sumouse a este proxecto activamente, coas achegas sobre a Administración autonómica, encadrada no sector de servizos públicos. A normalización, fomento e revitalización da lingua galega na nosa Administración é un dos alicerces da CIG-Autonómica, e un obxectivo no que este Protocolo de Lingua Vital vai ser unha peza clave e un impulso renovado e forte para reverter a situación actual. O texto recolle medidas claras e definidas colectivamente coas que aumentarmos a presión nos poderes públicos para reverter a emerxencia lingüística.

A praza da Quintana de Compostela acollerá o vindeiro 14 de marzo unha asemblea aberta multitudinaria na que Queremos Galego presentará este protocolo, resultado do Proceso social.

Participa! Agardámoste!

Lingua Vital xa!