A Seguridade Social confirma que xa se poden tramitar as xubilacións anticipadas dos axentes forestais. Após a aprobación do Real Decreto-lei 3/2026, quedan desbloqueados os procedementos e están dispoñibles os modelos e aplicacións necesarias.
Após o requirimento presentado pola CIG, a Seguridade Social comunicounos que xa é posible iniciar a tramitación das solicitudes de xubilación anticipada do colectivo de axentes forestais e medioambientais, ao quedaren plenamente operativos os procedementos administrativos necesarios. Na súa resposta, o INSS confirma que existen modelos normalizados de certificado e que os sistemas informáticos están xa adaptados para aplicar o coeficiente redutor do 0,20 por ano completo efectivamente traballado, nos termos previstos no Real Decreto 919/2025.
Na mesma contestación, a Seguridade Social explica que, aínda que a norma que recoñece este dereito entrou en vigor o 25 de decembro de 2025, a súa aplicación quedou paralizada ao non ser convalidado polo Congreso o Real Decreto-lei 16/2025, que establecía a cotización adicional necesaria. Este Real Decreto-lei foi derrogado o 27 de xaneiro de 2026 após o voto en contra de PP, Vox e Junts, o que obrigou á aprobación dunha nova norma con rango legal.
Finalmente, esta situación quedou resolta coa publicación do Real Decreto-lei 3/2026, de 3 de febreiro, que restablece a cotización adicional para o colectivo, con efectos dende o 25 de decembro de 2025, permitindo así a aplicación efectiva dos coeficientes redutores e o inicio da tramitación das solicitudes.
Dende a CIG-Autonómica denunciamos a situación de incerteza que vimos sufrindo con este dereito que logramos introducir na Lei básica de axentes forestais, mais valoramos que o requirimento presentado contribuíu a clarificar a situación e a reactivar os procedementos paralizados nas oficinas da Seguridade Social. Agora instamos a que a tramitación das xubilacións anticipadas se efectúe con normalidade e sen máis atrasos.