A Consellaría de Educación segue incumprindo as súas propias normas coas ratios do persoal non docente dos centros de ensino públicos do país.

Desde a CIG levamos tempo denunciando unha situación que xa non é puntual. Trátase dun modus operandi consolidado da Consellería de Educación. 

Cando a ratio baixa e o número de alumnado queda por debaixo do limiar establecido, a Administración actúa de inmediato e amortiza as prazas dese centro ou directamente non cobren as baixas por incapacidade temporal. 

Pola contra, cando a ratio supera amplamente o límite máximo, non hai resposta. Non se reforzan os servizos nin se aplican as súas propias normas de ratios. 

A Administración non asume que as adaptacións dos postos de traballo son lícitas e necesarias pero compre aumentar os cadros de persoal para asumilas sen sobrecargar ó resto do persoal. Esta sobrecarga no resto das compañeiras xera, ademais, tensións innecesarias. O mesmo ocorre coas concesións de horarios adaptados ás necesidades de conciliación familiar. A Xunta non quere atender as necesidades do seu propio persoal.
Esta actuación mantense malia o malestar do persoal, as peticións das direccións dos centros e as denuncias das nais e pais, así como da representación sindical. A única xustificación é sempre a mesma: non se pode actuar ata a seguinte actualización da RPT. 

Este desleixo da Xunta ten consecuencias graves, xera estrés e prexudica seriamente a saúde do persoal. Durante anos, as e os profesionais levan asumindo unha carga de traballo excesiva ao ter os centros educativos unha dotación de persoal inferior á establecida. Estas situacións xa son habituais e provocan un clima laboral conflitivo. As baixas non son substituídas e xa son asumidas de facto polo resto do persoal. 

Ademais, existe presión por parte dalgunhas direccións que, coñecendo as carencias de persoal, obrigan ao persoal non docente a traballar como se estivese o cadro de persoal completo.

Esta política de xestión de persoal non só dana a saúde das que traballamos nos centros educativos. Tamén deteriora a calidade do servizo público que se presta á cidadanía.

 

A pesar de que a Administración nin cumpre as súas propias ratios, temos que lembrar que as vixentes son claramente obsoletas. Foron impostas hai anos (....) por decreto e non responden á realidade actual dos centros educativos nin ás necesidades do servizo público. E daquelas se fixo sen negociación colectiva, o que  supón unha vulneración dos dereitos laborais do persoal, xa que a ratio determina directamente a carga de traballo do persoal.


Desde a CIG esiximos abrir unha negociación real e inmediata das ratios no marco do Acordo de condicións de traballo do persoal non docente dos centros educativos.

A continuación recollermos algúns exemplos que, lonxe de seren casos illados, amosan unha realidade xeneralizada en moitos centros educativos do país:

  • IES con arredor de 610 alumnos e alumnas no curso 2025/2026 e unha soa administrativa para a xestión do centro.
  • IES no que, tras unha obra que aumentou notablemente os metros cadrados do edificio, mantense sen cambios a dotación de persoal de limpeza: dúas compañeiras a xornada completa e unha a media xornada.
  • IES con ampliación de 1.600 m² no curso 2022/2023 que continúa coa mesma dotación de limpeza (2,5 efectivos) existente antes das obras.
  • CIFP con ciclos de cociña que conta formalmente con cinco axudantes, dos que un deles ten adaptación de posto polo que hai tarefas que non pode realizar. Tras ampliar as instalacións en arredor de 600 m²con novos espazos de pastelería, panadería, etc., non se reforzou o persoal, malia o evidente aumento da carga de traballo.
  • CEIP onde as coidadoras teñen 11 ou 9 alumnos/as por persoa para a súa atención, cando a ratio máxima está establecida en 6 alumnos/as.
  • CEIP que conta cun oficial de cociña e ten 100 comensais (xa o curso pasado estaba e noventa e moitos) 25 por enriba da ratio.
  • CEIP que conta cunha oficial de cociña e unha axudante e ten 165 comensais (xa estaban así o curso pasado e este infórmannos que deixaron fóra a unhas 50 crianzas)
  • CIFP que conta con 1800 alumnos onde na actualidade conta con 2 Auxiliares administrativo + 1 xefa de secretaría (cando debía de ter 4), 5 postos de persoal de limpeza (que deberían ser 6) e 4 persoal subalterno (debendo de ser 6). A pesar de que a dirección leva solicitando o incremento de persoal, séguese a atopar coa mesma resposta que tivemos nos por parte de función Pública: "até unha nova negociación da RPT non se pode realizar este incremento de persoal"


Dende a CIG reiteramos a denuncia do incumprimento sistemático das ratios nos centros de ensino público de Galiza e loitaremos para que se respecten as normas establecidas pola propia Consellaría. Defendemos un acordo para o persoal non  docente que repercuta non so nunha mellora nas condicións de traballo do propio persoal senón na consecución duns servizos públicos de calidade para a cidadanía.

Se queres informar sobre a situación do teu centro contacta coa CIG