A Consellaría do Medio Rural volve reunir a CCOO, UGT e CSIF nun novo encontro á marxe dunha mesa formal de negociación, deixando fóra á CIG, sindicato maioritario. Non é un feito illado: é unha dinámica repetida que busca dividir ao persoal, crear titulares e gañar tempo sen afrontar unha negociación real.

As organizacións que se prestan a este xogo actúan como cobertura dunha estratexia clara da Administración: evitar mesas formais con todas as partes, con luz e taquígrafos, onde as posicións teñan que concretarse e os compromisos sexan efectivos e queden por escrito.

O contexto social é convulso e está marcado polas mobilizacións convocadas pola CIG ante as demandas directas do persoal do SPIF. Incluso na vaga de lumes, cando dende a CIG preparamos as solicitudes para instar a convocatoria das comisións de seguimento, CCOO, UGT e CSIF rexeitaron asinalos. Despois, ante a presión do persoal, optaron por negociar ás agachadas un reparto de cartos que se presentou como solución aos caos na xestión da catástrofe, tentando calar o conflito sen abordar as causas estruturais nin a seguridade do persoal.

Agora asistimos a unha nova reunión das mesmas tres organizacións coa Administración, onde se volven tratar cuestións que forman parte da táboa reivindicativa histórica do persoal e que sempre veñen sendo trasladadas pola CIG. Máis sen mesa oficial, sen actas e sen negociación real, o que fai a Administración é gañar tempo, dilatar solucións e xogar coas expectativas do persoal do SPIF.

Na CIG defendemos unha negociación formal, plural e transparente, e por iso vimos de presentar unha queixa ante a Consellaría de Medio Rural e a Dirección Xeral de Emprego Público. Non aceptamos dinámicas que fragmenten a representación nin manobras destinadas a desactivar a mobilización, que sempre deu como resultado mais dereitos no SPIF; esiximos mesas reais con todas as organizacións e manteremos a presión social como garantía de avances efectivos.