
Foi a principios dos oitenta cando a Xunta, aínda dependente de moitas e moitos funcionarios transferidos do estado para poder desenvolver unha administración moi nova, tamén comezou a facer múltiples procesos selectivos de persoal subalterno. Había moita demanda nas delegacións provinciais, máis tamén nunha maraña de centros de ensino repartidos ao longo do País dun xeito anárquico que dependeu, en moitos casos da presión feita polos alcaldes de turno que nese caciqueo por obter rédito en votos, e aproveitando que eran do mesmo signo político que aquela Xunta, exixíanlles centros de ensino por doquier.
Pois ben, dende aqueles tempos até o día de hoxe, salvo honrosas excepcións, o persoal subalterno ven sufrindo, xunto co resto de categorías ou escalas que comparten cadros de persoal nos centros, un ronsel ben cargadiño de menosprezos, insultos e en moitas ocasións, demasiadas, situacións de abuso de poder por parte dunhas equipas directivas que se auto proclaman reises e raíñas de Taifas, oprimindo, presionando até o esgotamento deste persoal.
E isto dáse porque este persoal illado nos seus centros, non poden exercer a mesma presión na acción sindical e mesmo na negociación que outros grupos profesionais que poden chegar a dobregar á Función Pública galega, caso por exemplo do persoal médico ou o persoal das residencias: a proporción pode ser de 5 a 150 por centro de traballo. Con este panorama, levamos décadas intentando abrir unha vía de negociación para un novo acordo de condicións laborais e de dereitos ben clariño, máis non obtivemos éxito.
O acordo de 2009 (DOG do 6 de febreiro de 2009) quedou completamente obsoleto xa que non ten en conta os horarios de apertura actuais dos centros con novas formacións de emprego, sen posibilidades de conciliación e onde non se regulan nin ratios nin outros dereitos laborais como os permisos: todo vale por 70 euros ao mes no complemento específico.
Nos últimos anos volvemos insistir na apertura dunha negociación real. Fixémolo polos canais formais, con propostas concretas e coa vontade de chegar a acordos. A resposta foi, unha vez máis, a dilación e o silencio. A experiencia dinos algo moi claro: os dereitos non chegan por acumulación de escritos, chegan cando hai organización, presión e mobilización. Ningún colectivo na Función Pública conquistou melloras agardando indefinidamente á boa vontade da Administración.
E así, tras a mobilización a Consellaría a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, convocounos a unha xuntanza que tivo lugar o 10 de outubro de 2025. Pedíronnos tempo para avaliar as reivindicacións expostas co compromiso expreso de convocar a unha nova reunión coas organización sindicais. Xa pasou máis que tempo suficiente e consideramos que vai sendo moita hora de que se dispoñan a negociar invocando o principio de boa fé negocial e respecto ao seu persoal.
Todas contamos nun centro de ensino e todas e todos berramos alto e claro que queremos un acordo de condicións laborais para o persoal non docente!