A Consellaría do Medio Rural informou da planificación da cobertura das prazas do SPIF de cara á presente campaña. A intención que teñen é dar solución aos graves problemas producidos en anos anteriores, nos que se chegou a unha situación de verdadeiro caos nos chamamentos en plena vaga de lumes no 2025.

A Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural convocounos o 5 de marzo de 2026 a unha xuntanza, onde nos forneceu distintas informacións sobre a campaña actual.

Planificación da cobertura de prazas

Segundo a información facilitada na xuntanza, os obxectivos da Consellaría son:

  •  Que todas as prazas estean cubertas o 15 de xuño
  •  Que todo o persoal estea formado nesa data, incluíndo a formación operativa e a formación específica en prevención de riscos laborais.
  • Reducir os prazos, tanto na tramitación dos procedementos como nas solicitudes.

Calendario orientativo previsto 

Data Actuación prevista
18 de marzo Publicación no DOG da toma de posesión da segunda tanda da estabilización (prazo até o 6 de abril).
20 de marzo Publicación das comisións de servizo do 100% das prazas vacantes. Prazo de solicitude até o 24 de marzo. Novo modelo único de solicitude con elección por orde de preferencia.
25 - 27 de marzo Proposta de resolución das comisións de servizo.
1 de abril (estimado) Resolución das comisións de servizo.
13 de abril Incorporación aos postos das comisións de servizo.
A partir do 6 de abril Chamamentos das listas para cubrir todas as prazas, con chamamentos sucesivos.
Semana do 11 de maio Previsión de finalización da cobertura das prazas.
A partir do 11 de maio Chamamentos puntuais das listas unicamente por baixas, xubilacións ou incidencias.

Trámitación das coberturas

Ademais, dende a Consellaría indicouse o seguinte:

  • Están traballando nun sistema para axilizar os chamamentos.
  • Valoran posibilitar o acceso a formación específica previa para o persoal das listas.
  • Solicitan que o persoal vaia preparando o certificado médico.

Valoración da CIG

Esta información da Secretaría Xeral Técnica constitúe un punto de partida positivo. Porén, consideramos imprescindible, para garantir o bo funcionamento do servizo, o respecto aos dereitos laborais e a seguridade:

  • Recuperar o aviso previo nos chamamentos (en todos os casos).
  • Negociar o plan formativo.
  • Convocar de inmediato todas as comisións de seguimento dos acordos (bombeiras forestais, técnicas e axentes).
  • Estender os dereitos laborais do acordo do persoal funcionario ao persoal fixo-descontinuo.

Así mesmo, é necesario desbloquear de inmediato a situación do grupo B, para posibilitar a toma de posesión do persoal axente técnico ambiental e evitar o colapso do proceso por denuncias xudiciais, así como eliminar xa o C2.