A CIG demanda unha negociación real co obxectivo posto na recuperación do auténtico fondo de acción social (FAS), tal e como o manteñen Administracións como o Parlamento de Galiza e a Valedoría do Pobo Galego, e non que fique reducido a unha axuda á discapacidade.

O 5 de marzo tivo lugar a reunión da Mesa Delegada da Mesa Xeral de Persoal Empregado Público sobre os criterios de repartición do FAS, á que asistiron CIG, CCOO e UGT, pola parte social, e o xefe do Servizo de Relacións Laborais e a directora xeral de Emprego Público pola Administración.

Unha axuda a persoas con discapacidade non é un FAS

Na CIG pensamos que xa é hora de chamar ás cousas polo seu nome, xa que, como vimos denunciando dende hai anos, estamos diante dun mal chamado «fondo de acción social», porque del só queda unha única axuda: a de atención de persoas con discapacidade. Mantéñennos suprimidas as axudas iniciais deste FAS, como eran a xubilación, a discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda e gastos sanitarios e ópticos.

O FAS noutras administracións do sector público autonómico

Mentres que a milleiros de persoas empregadas públicas se nos nega o FAS, escudándose na crise de 2012, vemos como noutras administracións do mesmo sector público autonómico, como a do Parlamento e da Valedoría do Pobo, por exemplo, se manteñen as liñas de axudas do FAS, e incluso se melloran no referido aos importes máximos das devanditas axudas, incrementados dende 2020 (gastos odontolóxicos, oculares, auditivos e ortopédicos) e 2021 (axudas para menores de 4 anos, axudas por estudos de fillas e fillos), ademais da ampliación das súas compatibilidades con outras axudas no 2023:

  • axudas por fillas e fillos menores de 4 anos (50 €/mes)
  • axudas para estudos de fillas e fillos (500 € por filla/o)
  • axudas para estudos do persoal (50% da matrícula, máx. 180,30 €/ano) (2002)
  • axudas para gastos odontolóxicos (900 €)
  • axudas para gastos oculares (600 €)
  • axudas para gastos auditivos (600€)
  • axudas para gastos ortopédicos (600 €)
  • axudas de carácter extraordinario (importe determinado pola Comisión de Axudas Sociais): axuda que ten preferencia sobre o resto en "atención a situacións especiais de extrema necesidade, grave quebranto económico e urxencia que poida padece-lo persoal da Administración do Parlamento".

Isto sen termos en conta acordos da Mesa do Parlamento sobre Persoal, os cales, por exemplo, teñen recollido apartados específicos de materias de carácter social (como préstamos para a adquisición de vivenda, con ampliación de capital a 60.000 € no 2004-2006) ou anticipos reintegrables  por importe máximo de 2 ou 3 mensualidades.

FAS 2025: máis do mesmo

Na nosa Administración, porén, o que temos é un mero «corta e pega» de anos anteriores, onde só muda o nivel das rendas anuais das persoas causantes, que pasa do límite dos 15.120 € aos 15.876 €. Non cambia a cantidade da axuda, que fica nos 2.160 €/causante, exactamente igual que nos anos 2020, 2021, 2022, 2023 e 2024, sen actualizaren nin tan sequera o IPC.

Amais, o borrador que nos envían deste «corta e pega» tamén contén algúns erros, como a exclusión da CIG da representación na Mesa Xeral de Negociación do Persoal Empregado Público.

Alegacións da CIG

Dende a CIG reiteramos as alegacións presentadas en anos anteriores, que resumimos como segue:

  • Incremento do importe actual, como mínimo, consonte o índice de prezos ao consumo (IPC) dos derradeiros anos, para esta axuda.
  • Recuperación de todas as modalidades de axudas do anterior FAS, recoñecidas antes dos recortes, e o seu incremento progresivo. Xa que Emprego Público equiparou o complemento específico do persoal interventor ao do Consello de Constas e o do persoal asesor xurídico ao do Consello Consultivo, propoñémoslles que equiparen o noso FAS ao do Parlamento e da Valedoría do Pobo!!
  • Apertura dunha axuda para transporte, para o persoal traballador que se teña que desprazar ao seu centro de traballo.
  • Recuperación dos importes subtraídos no 2012 e chegar ao 1% da masa salarial.
  • Compatibilización desta axuda con outras que se poidan percibir, e que a resolución e aboamento sexan no mesmo ano natural da convocatoria, para evitarmos os problemas das declaracións complementarias de IRPF.
  • Que todas as axudas que se concedan sexan proporcionais ao nivel de renda das familias.
  • Que se proceda a unha equiparación de todo o persoal público. Existe persoal na propia Administración autonómica ou noutras que, por pertencer a Muface, teñen dereito a melloras desta axuda.
  • Que esta axuda sexa incluída no recibo de salarios tamén no caso do persoal funcionario, co mesmo sistema de solicitude e xestión que ten o persoal laboral. De non facerse así, supón un agravio comparativo para o persoal funcionario público que cada ano debe solicitar e achegar a documentación xustificativa para percibila con máis de1 ano de atraso.  Ao respecto do mencionado neste punto, solicitamos que esta nova Dirección Xeral de Emprego Público asuma e faga seu o compromiso da anterior Dirección Xeral de Función Pública, o cal coincide coa nosa proposta.
  • Que sexa suficiente, no caso das persoas familiares, que teñan algún tipo de dependencia para entrar nesta convocatoria. Na CIG lamentamos que tarden máis de 2 anos, nalgúns casos, en recoñerlles a discapacidade a familiares a cargo.
  • Que se permita o incremento nos orzamentos anuais da Xunta de Galiza, porque non ten sentido manter os recortes que comenzaron no ano 2012 da man da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galiza; tal e como temos demandado nas correspondentes negociaicións.

Respostas da Administración

  • Van corrixir os erros da convocatoria.
  • FAS de 2025: dinnos que teñen un orzamento axustado só para a axuda deste exercicio
  • Recuperación do FAS: todo o demais poderase facer pouco a pouco no futuro se aumenta o orzamento… 
  • Publicación: respóndennos que faltan varios trámites (Consello da Xunta, envío ao DOG), mais calculan que estea publicado en 1 mes dende esta xuntanza, máis ou menos a primeiros de abril.

Na CIG demandamos unha negociación real, para que este sexa un auténtico fondo de acción social, e non un «fondo de axuda á discapacidade», de xeito que recuperemos todas as liñas de axuda eliminadas no 2012. 

NEGOCIACIÓN REAL XA! POLA RECUPERACIÓN DE TODAS AS LIÑAS DE AXUDAS DO FAS!