A central reivindica o contido de clase e a orixe que deu lugar ao 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras

 

  

Ao berro de «Feministas e combativas, en loita pola nosa dignidade», centos de mulleres participaron este domingo en Compostela na manifestación convocada pola CIG con motivo do 8 de Marzo. Unha data de reivindicación e loita porque, a pesar dos intentos de eliminar o contido de clase que deu orixe a esta conmemoración, o 8 de Marzo é o Día Internacional das Mulleres Traballadoras.

A manifestación partiu da estación intermodal de Compostela e rematou na praza de Praterías, onde cinco compañeiras de diversos sectores laborais deron conta das desigualdades e discriminacións que sofren no seu día a día; e das condicións laborais e salariais precarias que seguen padecendo as traballadoras galegas en sectores altamente feminizados como a conserva, as acompañantes do transporte escolar, as residencias de maiores e a axuda no fogar, o comercio vario, o comercio de alimentación, a limpeza, a sanidade, o ensino, a atención á dependencia, os centros de menores etc.

              

Ou no lado contrario, as dificultades que supón traballar en sectores tan masculinizados como a construción, onde moitas veces as mulleres temos que demostrar o dobre para que se recoñeza o mesmo.

Resaltamos que, por moito que haxa quen queira espilo desa condición, o 8 de Marzo é loita e reivindicación, é traballo, é dignidade, é clase. Por iso, instamos a debater e tomar conciencia sobre a situación social e política que atravesan as mulleres traballadoras galegas, e esixir as medidas necesarias.

A CIG chamou a atención sobre os paralelismos co ano 1910, cando se celebrou a Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, orixe da conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres Traballadoras. Daquela, as mulleres denunciaban o alto prezo dos alimentos, as duras condicións laborais e reclamaban a fin dos conflitos bélicos. Hoxe, no ano 2026, estas reivindicacións están plenamente de actualidade. Hoxe estamos aquí exixindo iso mesmo.

    

A precariedade segue a cebarse coas mulleres

A CIG denunciou que as mulleres continuamos a ter peores condicións, salarios máis baixos e máis temporalidade e parcialidade que os homes traballadores; e malia que se nos vendeu que a reforma laboral do ano 2021 ía rematar con estas lacras, o certo é que incluso aumentaron as fendas.

A CIG engadiu que a fenda salarial só se acurta por mor da subida do salario mínimo, pero cada vez hai máis traballadoras pobres. Estas menores retribucións, xunto ás carreiras laborais máis curtas, fan que a fenda se estenda tamén ás pensións, que en Galiza seguen a ser das máis baixas do Estado.

A central sindical criticou que as políticas de desmantelamento e privatización dos servizos públicos afondan nunha maior precarización das mulleres, polo que incidiu que neste día non temos nada que celebrar, senón ao contrario, estamos aquí para denunciar, reivindicar e esixirlle aos gobernos e ás patronais que dunha vez se poñan en marcha medidas para acadar unha igualdade real e efectiva en todos os ámbitos.

Neste senso, a CIG demandou un incremento salarial das profesións feminizadas, e que o réxime especial de persoas empregadas do fogar estea regulado dentro do sistema ordinario da Seguridade Social, con retribucións acordes á importancia dese labor.

    

Medidas urxentes contra o acoso e a violencia laboral

Fronte ao acoso e a violencia laboral, a CIG pediu que as denuncias sexan investigadas con celeridade e conclúan con sancións exemplarizantes; e nas profesións cun alto risco de sufrir violencia no traballo, esixiu un dispositivo de alerta xeolocalizado que permita facer unha chamada de emerxencia, alén dos protocolos e plans correspondentes. Non pode haber outro caso como o de Teresa, a traballadora do SAF do Porriño asasinada mentres prestaba o servizo nun domicilio.

A CIG reiterou que non queremos volver ver outra muller asasinada, nin na casa, nin na rúa, nin no seu posto de traballo; que chega de violencia e asasinatos machistas, ao tempo que lanzou un chamado á mobilización e a rematar co silencio fronte aos ataques, pois só cunha acción combativa nos lugares de traballo, nas urnas, na negociación colectiva, nos fogares e nas rúas poderemos avanzar.

   

A liberdade non chega en forma de mísil

A CIG tamén se referiu á situación política internacional, cunha denuncia do imperialismo e dos ataques militaristas por parte dos EUA e os países amigos sobre nacións soberanas, advertindo de que son as mulleres quen sofren as peores consecuencias. Non hai dereitos para as mulleres nun mundo en guerra.

O sindicato rexeitou a escalada bélica, o militarismo e a industria da morte, que se enriquece mentres os pobos sangran. Dío con toda a rabia e toda a dignidade: é unha hipocrisía que quen bombardea, invade e ocupa queira vendernos as súas guerras como unha «liberación», mentres mata nenas nunha escola e sementa terror. A liberdade non chega en forma de mísil. A liberdade constrúese con paz, con dereitos, con pan, con educación e con futuro.

O exemplo de Begoña Caamaño

A  CIG non quixo pasar por alto neste 8 de Marzo a figura de Begoña Caamaño, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, e a quen definiu como unha muller traballadora, comprometida, feminista, sindicalista, antimilitarista, defensora da nosa lingua e un exemplo a seguir para todas nós.