
Desde a CIG facemos un chamado a converter este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, nunha xornada de mobilización contra a precariedade e a desigualdade, para reivindicar traballo digno e sermos na Galiza un pobo con dereitos.
MOBILIZACIÓNS DA CIG NESTE 10 DE MARZO
- Ferrol (actos centrais): ás 11:30h, ofrenda floral no Monumento ao 10 de marzo. Ás 20h, manifestación con saída do local da CIG en Esteiro.
- A Coruña: ás 20h, manifestación dende Praza de Vigo.
- As Pontes: ás 20h, concentración, na Praza de América.
- Carballo: ás 19h, concentración na Praza do Concello.
- Cee: ás 20h, concentración na Praza 8 de Marzo.
- Compostela: ás 19:30h, manifestación dende a Praza Roxa.
- Lugo: ás 20h, manifestación con saída do local sindical (Ronda da Muralla, 58).
- Monforte: ás 20h, concentración na Praza de España.
- O Barco: ás 19:30h, concentración na Praza do Concello.
- Ourense: ás 19h, manifestación dende a Casa Sindical (Parque de San Lázaro).
- Pontevedra: ás 19:30h, manifestación, con saída da Praza da Peregrina.
- Vigo: ás 19h, manifestación desde A Dobrada.
- Vilagarcía: ás 19:30h, concentración na Praza de Galiza.
- Viveiro: ás 19h, concentración na Praza Fonte Nova.
Nesta data na que se conmemoran as mobilizacións protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972, durante as que foron asasinados en Ferrol pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, as demandas de liberdade, contra a precariedade das condicións laborais, por salarios xustos e pola defensa da negociación colectiva en Galiza seguen vixentes e son de actualidade.
Nun contexto marcado polo empobrecemento xeneralizado, os baixos salarios e as desigualdades impostas polas políticas neoliberais e as últimas reformas laborais, a mobilización convértese no camiño necesario para dar resposta a esta crúa realidade, porque alén das cifras macroeconómicas, o continúo medre da carestía da vida dificulta cada día máis facer a compra e acceder a unha vivenda digna.
Todo isto ademais nun contexto de forte presión do capitalismo para afondar as políticas máis neoliberais e máis depredadoras a calquera custe e buscando criminalizar con esta fin toda resposta social e tamén nunha situación internacional marcada pola ofensiva imperialista encabezada polos Estados Unidos con toda a súa maquinaria de guerra e destrución
Por todo isto, desde a CIG instamos á mobilización social e á construción de poder popular para poder avanzar en dereitos, conseguir dos Gobernos políticas alternativas e facer real o chamado da CIG neste 10 de Marzo: na Galiza, traballo digno, pobo con dereitos.