O vindeiro martes 17 de marzo ás 11:00 h a CIG-Autonómica mobilizarase diante da Consellería de Educación para instar, unha vez máis, á negociación dun Acordo de condicións de traballo para o persoal de Administración e Servizos dos centros educativos da Xunta de Galiza.

Durante a mobilización farase tamén entrega das sinaturas recollidas nestes meses nos centros de toda Galiza para reclamar a regulación dos dereitos laborais deste persoal.

Máis de 3.000 compañeiros e compañeiras quedaron sen regulación específica tras o proceso de funcionarización, ao quedar fóra do V Convenio Colectivo Único ao mudar de réxime xurídico. E se temos en conta que o Acordo do resto do persoal funcionario (subalterno e de administración) quedou obsoleto coas funcións actuais e xa ten case 20 anos, estamos a falar dun total de 4.945 empregados publicos dos centros de educación sen regulación das condicións e dos dereitos laborais. 

A Administración xa negociou hai mais dun ano acordos para outros colectivos que tamén prestan un servizo específico, como o persoal dos centros de Política Social ou o do servizo de incendios (SPIF). Porén, a Consellería de Educación continúa a resistirse a abrir unha mesa de negociación, ignorando unha vez máis o persoal non docente dos seus centros.

MOBILIZACIÓN POR UN ACORDO PARA O PERSOAL NON DOCENTE

-entrega de sinaturas-

martes 17 de marzo ás 11 h
 
Consellería de Educación
Rúa Otero Pedraio-San Caetano