A Xunta impón un novo PLADIGA 2026, tras un 2025 marcado polo conflito, o incumprimento de acordos e o caos na xestión da vaga de lumes

Na CIG-Autonómica denunciamos que a Xunta de Galiza volve actuar de maneira unilateral, aprobando e anunciando o PLADIGA 2026 (Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galiza), sen negociación previa e ignorando completamente á representación do persoal que traballa nos lumes.

Esta decisión prodúcese, ademais, tras un ano 2025 marcado polo conflito laboral, polas mobilizacións do persoal, polo incumprimento e a falla de vontade para a negociación e mellora dos Acordos que regulan as condicións de traballo e por unha campaña de incendios que puxo en evidencia graves carencias organizativas e de xestión.

Non podemos esquecer que a vaga de lumes de 2025 deixou ao descuberto un dispositivo tensado, con falta de medios, problemas de coordinación e decisións cuestionables que xeraron unha forte alarma social e arrasaron máis de 160.000 has. Lonxe de corrixir estas deficiencias desde o diálogo e a negociación, a Xunta opta agora por profundar no mesmo modelo: máis imposición e menos participación.

Unha vez máis, coñecemos pola prensa medidas que afectan directamente ás nosas condicións de traballo. A propia Xunta anunciou un incremento de brigadas -non din se para o SPIF, SEAGA ou seguir afondando nas externalizacións cos concellos-, novos medios e cambios organizativos coa aprobación do PLADIGA 2026 polo Consello da Xunta. É evidente que estamos ante modificacións reais da organización do traballo, das funcións e das relacións de postos de traballo.

Para nós é claro: o PLADIGA non é un documento técnico neutro. É un instrumento que altera condicións laborais e que debe ser negociado. O que está a facer a Xunta é evitar deliberadamente a negociación colectiva e baleirar de contido os espazos de representación do persoal. E xa temos antecedentes: nestes plans foi onde se crearon unidades operativas sen existir sequera nas relacións de postos de traballo extraendo persoal “a dedo” dos distritos (como coa UTA e UDEX).

Cómpre lembrar, ademais, que estamos ante un novo equipo á fronte da Consellería do Medio Rural, que lamentablemente comeza a súa etapa repetindo os erros do anterior. Agardamos que rectifiquen e reconduzan esta situación antes de que o conflito vaia a máis e que para vindeiras negocien antes de aprobar!

Por todo isto, desde a CIG-Autonómica esiximos:

  • A apertura inmediata dun proceso real de negociación do PLADIGA 2026
  • A entrega íntegra e urxente do documento
  • A paralización da aplicación das medidas que afecten ao persoal mentres non sexan negociadas
  • A convocatoria inmediata das mesas de negociación e das comisións de seguimento do persoal do SPIF, tanto laboral como funcionario