A publicación do comunicado de Comisións Obreiras segue o camiño impulsado pola CIG  e confirma a necesidade dunha resposta sindical unitaria ante o desleixo da administración co persoal non docente. Estamos ante unha oportunidade para reforzar a presión colectiva, é o momento de acadar un acordo de dereitos laborais XA!

A CIG, xunto co persoal de administración e servizos que traballamos nos centros de ensino levamos mobilizándonos máis dun ano para esixir a apertura dunha mesa de negociación para ter, dunha vez, un acordo que regule as nosas condicións laborais.

Neste tempo, coa CIG desenvolvemos unha intensa actividade sindical, con mobilizacións, recollidas de sinaturas e accións de presión dirixidas á Consellería de Educación. A realidade nos centros evidencia a urxencia de actuar: sobrecarga de traballo, indefinición de funcións, desigualdades e ausencia de dereitos básicos, así como enormes diferenzas entre centros, xa que ao final todo depende das direccións.

No día de onte, sorprendeunos comprobar como CCOO publica un comunicado practicamente idéntico ás nosas reivindicacións históricas. Semella que, por fin, toman conciencia das necesidades e da urxencia que levamos máis dun ano reclamando; non era sen tempo.

Dito isto, queremos expresar que, aínda que tarde, benvida sexa esta incorporación á loita sindical. A unidade é necesaria para reforzar a presión e obrigar á Administración a actuar. O noso obxectivo sempre foi claro: defender os dereitos e avanzar cara a un acordo digno de condicións laborais.

Seguiremos traballando con firmeza; agora tamén, esperemos que todas xuntas sigamos loitando para conseguir a convocatoria inmediata desa mesa de negociación.

Avante, por unha mesma causa: garantir dereitos, dignidade laboral e un marco estable para o persoal non docente dos centros de ensino!!

Compendio das accións máis salientábeis

• Recollida de máis de 1.000 sinaturas para esixir a negociación
• Mobilizacións diante da Consellería de Educación
• Entrega formal de sinaturas e rexistro de iniciativas
• Campañas informativas nos centros de ensino
• Comunicados públicos e denuncias continuadas da situación
• Accións coordinadas do persoal afectado ao longo de máis dun ano