Urxe desbloquear o expediente para a xubilación anticipada do persoal de Gardacostas. A falta de actuación tanto da Xunta, que non se adheriu ao procedemento, como do Estado, mantén paralizada a súa tramitación.
O persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza continúa nunha situación de discriminación que, a día de hoxe, segue sen solución. Nos últimos días volvemos a instar dende a CIG a activación do expediente para o recoñecemento dos coeficientes redutores, reiterando a solicitude de reunión coa Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social e solicitando tamén o amparo do Delegado do Goberno en Galiza para que interveña e impulse unha tramitación que leva demasiado tempo paralizada. A situación require insistir ante un bloqueo do procedemento que non é aceptable, logo de meses de espera a que a Xunta realizara a súa adhesión logo de que manifestara colaborar en comisión de seguimento.
Realizan a súa actividade no mar, en condicións de especial dureza, pero que non teñen recoñecidos os coeficientes redutores para a xubilación anticipada que si se aplican a outros traballadores e traballadoras do mesmo ámbito. A situación foi exposta en múltiples ocasións tanto no ámbito político como no administrativo, e mesmo chegou ao Congreso en dúas ocasións con propostas lexislativas directas (2017 e 2022) impulsadas pola CIG.
As obrigas do mar, pero sen os dereitos do mar
Ao persoal de Gardacostas esíxenselle as mesmas condicións que ao persoal incluído no Réxime Especial do Mar: formación específica, recoñecementos médicos e requisitos para poder embarcar. Desenvolven funcións de inspección, salvamento e control en condicións de risco, e en moitos casos comparten medios e embarcacións con persoal que si está integrado nese réxime.
Porén, polo feito de seren funcionarios e funcionarias, quedan excluídos dos dereitos asociados a ese ámbito laboral. Entre eles, o acceso á xubilación anticipada mediante coeficientes redutores.
Esta situación non é só unha cuestión de encadre xurídico, senón que ten consecuencias directas sobre a saúde do persoal. Tanto do que embarca como o que desenvolve o seu traballo dende terra e porto. O traballo implica desgaste físico continuado, exposición a condicións adversas e unha elevada esixencia ao longo do tempo. Co paso dos anos, ese desgaste acumúlase e agrávase, aumentando o risco de lesións e limitacións funcionais.
Un proceso longo que remata sempre no mesmo punto
A evolución deste conflito ao longo do tempo amosa con claridade unha constante: o problema identifícase, pero non se resolve. Prolóngase no tempo e cada intento remata sen resultado e cada nova vía acaba no mesmo punto: a inacción.
| ANO | ACTUACIÓN | RESULTADO |
| 2017 | Iniciativa lexislativa CIG no Congreso lei propia Gardacostas con xubilación anticipada (En Marea) | Rexeitada |
| 2021-2023 | Instamos ao impulso político e institucional (preguntas Congreso, reunións Parlamento, Conselleira Mar…) | Sen solución |
| 2022 | Presentación emenda CR servizo gardacostas na Lei Pesca sustentable (BNG). Reunións grupos Congreso | Aceptada entrada na Comisión de Pesca |
| 2023 | Solicitude de inclusión no ISM Xunta | Rexeitada (sen recorrer poloa Xunta) |
| 2023 | Intento de inclusión na Lei de pesca sustentable (votación emenda BNG) | Rexeitada |
| 2022-2023 | Mobilizacións do persoal. Delegación do Goberno, Consellería do Mar e edificios admtivos Xunta | Loita activa |
| 2023 | Reunións con administración e responsables políticos. Indícase a vía administrativa (RD 1698/2011) | Cambio de enfoque |
| 2024 | Rexistro do procedemento na Seguridade Social | Inicio formal |
| 2026 | Tramitación na Dirección Xeral de Ordenación e SS | Bloqueo total |
Da vía política ao bloqueo administrativo: dous anos de silencio
Tras o fracaso das iniciativas lexislativas, indicouse que o procedemento adecuado era o previsto no Real Decreto 1698/2011. Esa vía iniciouse formalmente en abril de 2024, cumprindo cos requisitos establecidos e seguindo as indicacións da propia Administración.
Porén, desde ese momento, non se produciu ningún avance. Non existe comunicación oficial sobre o estado do expediente, non se solicitaron datos á administración empregadora e non se coñece ningunha actuación efectiva orientada a resolver a situación.
O procedemento está iniciado, pero permanece paralizado.
Dúas administracións, unha mesma responsabilidade
A situación actual non pode explicarse sen ter en conta o papel das administracións implicadas:
O Estado, tras descartar a inclusión directa ou a vía legal, indicou o procedemento administrativo dos coeficientes redutores como solución, pero mantén ese procedemento parado na Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social.
A Xunta de Galiza, como administración empregadora, é responsable das condicións nas que traballa este persoal. Aínda así, non ten materializado unha actuación efectiva nin coa iniciativa nin finalmente coa adhesión formal ao procedemento iniciado a pesar de terse manifestado favorable á súa tramitación no marco da comisión de seguimento. O abandono da Xunta tamén se nota noutras cousas como o atraso en aprobar as melloras da Orde de horarios ou en cubrir as vacantes e resolver procesos.
Unha anomalía que require decisión
Outros colectivos con condicións de traballo comparables xa teñen recoñecidos coeficientes redutores. Neste caso non é por falta de marco legal, nin por ausencia de procedemento, nin tampouco por falta de loita e reivindicación.
O procedemento existe e está iniciado. As condicións de traballo están acreditadas, máis o que falta é actuar. Falla a vontade política das administracións.
E cada día que pasa sen facelo non é un atraso máis, senón a continuidade dunha situación que xa non pode considerarse normal. É a perpetuación dunha discriminación coñecida e dunha realidade que unicamente require dunha decisión para ser resolta.
Máis logo de 9 anos e tanto traballo feito xa temos todas a experiencia dabondo para ter claro o último empurre, con forza e decisión. Imos aló!