Desde a CIG temos o orgullo de anunciar unha nova vitoria xudicial que pon fin a unha discriminación que viña sufrindo o persoal laboral fixo, indefinido e descontinuo da Xunta de Galicia

A CIG foi o único sindicato que tomou a iniciativa de presentar un conflito colectivo contra a Xunta para denunciar que a administración non estaba recoñecendo correctamente o valor dos nosos trienios.

A Xunta de Galicia, ata o de agora, aplicaba un criterio de prorrata temporis. Isto significaba que, aínda que o traballador/a consolidase o dereito ao trienio cada tres anos, a administración non pagaba o 100% do seu valor, senón que o reducían proporcionalmente ao tempo efectivamente traballado.

Tras a nosa demanda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou ao noso favor, declarando que:

  • A práctica da Xunta de computar o complemento de antigüidade (trienios) proporcionalmente ao tempo efectivo de prestación de servizos non é conforme a dereito.
  • O persoal laboral (fixo, indefinido e descontinuo) ten o dereito a percibir o 100% do valor do trienio vixente por cada tres anos naturais de prestación de servizos.

Esta sentenza confirma o que a CIG sempre defendeu: que non se pode aplicar unha sanción por "parcialidade" a un contrato que é de xornada completa durante os períodos de chamamento.

Esta vitoria é froito da constancia e da preocupación real da CIG polo benestar do seu persoal. Mentres outros sindicatos gardaron silencio ou non priorizaron esta loita, a CIG foi a única organización que levou este conflito aos tribunais para defender os dereitos económicos dos traballadores e traballadoras.

Seguiremos traballando para que as túas condicións laborais sexan respectadas.

Non aceptamos recortes nos nosos dereitos!