Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT, presentamos o 23 de abril un escrito conxunto no que solicitamos a convocatoria dunha mesa de negociación sobre o persoal da escala de vixilancia de estradas.

O obxectivo é establecer medidas que garantan a correcta identificación do persoal empregado público desta escala, así como a dos medios de locomoción que utilian no desenvolvemento das súas funcións, e diferenciar claramente a este persoal con respecto ao das concesionarias privadas dedicadas á conservación de estradas, medidas que redundarán na mellora da seguridade laboral e na percepción da cidadanía de cara a este colectivo.

Nos últimos anos, o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que realiza as funcións de vixilancia e policia en materia de estradas, sufriu unha importante transformación, tanto na súa estrutura orgánica como na evolución dos seus medios, procedementos de traballo ou nas súas funcións e responsabilidades.

Hai que ter en conta a convivencia, e mesmo o solapamento de determinadas funcións do persoal empregado público co persoal das empresas privadas concesionarias de conservación e de vialidade invernal de estradas, quenes a maiores deben, por contrato, rotular os seus vehículos e a súa roupa laboral exactamene igual que os dotados para o persoal empregado público, creando confusión e indefensión de cara á cidadanía. Esta situación agrávase aínda máis pola negativa da Administración de mudar a denominación da escala a “axentes de vixilancia de estradas”, que reflicte dun xeito máis acaído a condición de persoal empregado público e o exercicio de autoridade.

Por estas razóns e obxectivos, as organizacións sindicais diriximos o escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas coa intención de comezar un proceso de negociación.