A central nacionalista chama a converter o Día Internacional da Clase Traballadora nunha xornada de loita.

A CIG convoca 20 mobilizacións noutras tantas localidades neste 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, baixo o lema «Contra o imperialismo, paz e soberanía. Na Galiza, traballo digno e dereitos». A central nacionalista fai un chamado a converter este día nunha xornada de loita e mobilización para avanzar en dereitos, exixir dos gobernos políticas alternativas e da patronal xustiza social; mais tamén polo respecto a poder exercer a plena soberanía, o dereito de autodeterminación e a capacidade de decidir libremente.

A CIG advertiu contra a aposta da guerra que fai o capitalismo neoliberal, o imperialismo dirixido polos Estados Unidos coa subordinación da Unión Europea; e rexeitou as ordes de incremento do gasto militar aos estados que integran a OTAN para alimentar a maquinaria de agresión aos pobos, que se suman ás coñecidas invasións militares baixo a bandeira de accións humanitarias.

Como exemplo desta maquinaria expuxo o xenocidio do pobo palestino por Israel, as ameazas a Groenlandia, as agresións sobre Venezuela, Irán ou Líbano; ou o reforzo do criminal bloqueo a Cuba. A central sindical salientou a incoherencia de berrar «non á guerra» e aumentar sen parar o gasto militar, ou facer apoloxía do militarismo e dos desfiles militares, como o previsto para o 30 de maio en Vigo. Neste senso, chamou a participar na mobilización convocada pola Plataforma Galiza pola Paz para ese día na cidade olívica, con saída ás 12 h dende Vía Norte.

A central criticou que no contexto de medre descontrolado dos prezos pola guerra en Irán, no Estado español se destinen máis millóns de euros a gasto militar que ás medidas para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais desta guerra; e incidiu en que non se pode repetir unha situación como a acontecida ao inicio da guerra da Ucraína, cos custos de bens e servizos básicos desbocados. Así mesmo, denunciou que as grandes compañías enerxéticas e do comercio da alimentación seguen batendo récords de ganancias, mentres o acceso á cesta da compra e á vivenda son cada día unha misión imposíbel de resultado incerto.

Cómpre un plan de choque contra a carestía

Esta carestía que incrementa o risco de pobreza dáse, ademais, nunha realidade marcada pola extensión da precariedade laboral, do traballo a tempo parcial, dos contratos fixos descontinuos, e da temporalidade, por causa das reformas laborais do actual Goberno español e do anterior do PP. A CIG aseverou que non pode ser que o pobo e as clases traballadoras sexamos quen paguemos a guerra.

Fronte a isto, demandou aos gobernos a posta en marcha dun verdadeiro plan de choque, con medidas básicas para que se garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios; que se eleve o salario mínimo interprofesional até os 1.374,74 euros mensuais, acadando así o 60% do salario medio no Estado español, tal e como recomenda a Carta Social Europea; que se elimine o IPREM como indicador de referencia público e que este pase a ser o SMI; así como que se aprobe unha renda de inserción laboral e social, en substitución do IMV, na contía do salario mínimo. Isto, apuntou a CIG, sen deixar de lado a necesaria intensificación do conflito na negociación colectiva ante a patronal.

Xunto a isto, demandou que, durante os anos 2026 e 2027, se garanta a prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das cláusulas de actualización das rendas do alugueiro en todos os conceptos e das hipotecas variábeis; e que non se apliquen as subas de xuros. En paralelo, a posta a disposición de todas as vivendas da SAREB e un programa especial de axudas conforme a criterios de renda para as unidades familiares con dificultades.

A CIG tamén reclamou medidas de acceso aos combustíbeis, fixando prezos máximos da gasolina e do diésel (con referencia aos existentes antes do 28 de febreiro); que se garanta a mobilidade con accións de reforzo das liñas e horarios do transporte público; que se camiñe cara á gratuidade total nos servizos de proximidade, tanto en tren como en autobús, e que se amplíen ao 50% os descontos nos desprazamentos de longa distancia.

Poñer a enerxía ao servizo do pobo

A CIG incidiu na necesidade de poñer a enerxía ao servizo do pobo, porque a descarbonización da economía e o desenvolvemento de renovábeis non están sendo xustos nin social nin territorialmente. A CIG criticou que na Galiza espolian os nosos recursos e pagamos igual de cara a factura eléctrica. Por iso, no camiño de avanzar cara á soberanía enerxética, reivindicou que revertan ao público os saltos de auga do Tambre (con expediente de extinción da concesión aberto), e que estes aproveitamentos hidroeléctricos sirvan de base para botar a andar unha empresa pública galega de enerxía.

A CIG aseverou que cómpre que Galiza pase de ser exportadora de electricidade a ser exportadora dos bens e produtos que se fabrican con esa electricidade. A nosa capacidade de produción eléctrica ten que estar ao servizo do noso desenvolvemento económico e social, da creación de emprego, e ten que servir para abaratar o custe da factura ás industrias e aos fogares.

Doutra banda, a CIG defendeu unha intervención e control públicos que garantan prezos populares en produtos básicos de alimentación, con prezos xustos para quen produce; e actuar de forma decidida sobre as empresas que especulan co mercado dos alimentos, de forma especial, sobre os grandes operadores do comercio de alimentación.

Mobilización e compromiso

Ás portas dun novo 1º de Maio, a CIG rematou lanzando un chamamento á mobilización e ao compromiso nos centros de traballo e nas rúas para gañar as loitas que temos por diante, para irmos construíndo poder popular co que avanzar en dereitos ante a patronal e os gobernos. Aí están as folgas da atención primaria, do ensino público, do comercio téxtil en defensa dos convenios provinciais fronte á negociación estatal que pretende a patronal ARTE, ou a convocatoria de folga no metal de Pontevedra por un convenio digno, entre outros.

Pero a través da mobilización tamén hai que dar resposta á campaña do Goberno do PP na Xunta para responsabilizar a clase traballadora das baixas laborais, criminalizando as ausencias e buscando culpabilizar as persoas por enfermar, para seguir recortando dereitos, afianzando as competencias das mutuas e a privatización da sanidade pública. A CIG concluíu que a saúde é un dereito e enfermar non é delito.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:

  • Vigo: ás 12 horas, no Cruce da Dobrada. Esta manifestación ten carácter central.
  • A Coruña: ás 12 horas, na Praza de Vigo.
  • Ferrol: ás 12 horas, no Local Sindical (Avenida do Esteiro)
  • Lugo: ás 12:00 horas, desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla).
  • Ourense: ás 11:30 horas, na Praza Maior.
  • Pontevedra: ás 12 horas, en Pasantería.
  • Santiago de Compostela: ás 12 horas, na Praza Roxa.
  • A Estrada: ás 12 horas, na Praza do Mercado.
  • A Guarda: ás 12:00 horas, na Praza Avelino Vicente.
  • As Pontes: ás 12:00 horas, na Praza de América.
  • Cangas: ás 18:00 horas, desde o concello.
  • Carballo: 12:00 horas, na Praza do Concello.
  • Cee: ás 12:00 horas, na Praza de Otero Lastres.
  • Foz: ás 12:00 horas, desde a Praza de Galiza.
  • Monforte: ás 12:00 horas, na Praza de España.
  • O Porriño: ás 12:00 horas, na Praza do Concello.
  • Ribeira: ás 12:00 horas, no Mercado Municipal.
  • Verín: ás 12:00 hroas, na Praza do Concello.
  • Vilagarcía: ás 11:30, na Avenida da Mariña.
  • Vilamartín de Valdeorras: ás 12:00 horas, na Praza José Luís Núñez.