A central entende que no actual contexto de medre do fascismo non pode quedar impasíbel ante as actitudes golpistas e antidemocráticas.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) comunica o traslado do seu acto central do Primeiro de Maio á cidade de Lugo en resposta á deriva «autoritaria e golpista» do Partido Popular, que vén de dar un paso máis nas súas actitudes antidemocráticas asaltando o Goberno municipal cunha moción de censura nuns termos inaceptábeis. A central sindical entende que no actual contexto do medre do fascismo non pode quedar impasíbel ante este novo intento do PP de seguir escalando no proceso autoritario e na imposición de políticas inxustas que o levou a institucionalizar o diálogo social, a anular a representatividade da CIG con carácter xeral e nas mesas sectoriais, a promover cambios no TSXG, a exercer un férreo control sobre os medios de comunicación públicos, etc.

A central sindical adoptou esta decisión ante a situación social de «especial gravidade» que se vive en Galiza como consecuencia do aumento destas actitudes «autoritarias, antidemocráticas e golpistas» dun PP que está a aplicar un paquete de medidas de control social e de recorte de dereitos, cuxos exemplos máis recentes son o plan para o control e a criminalización das baixas médicas -culpabilizando a clase traballadora por caer enferma- ou o decreto de institucionalización do chamado diálogo social, nun intento de limitar a acción da maior organización sindical do país como é a CIG. 

Non imos quedar mirando como se avanza cara ao fascismo

A CIG sinala que non imos quedar mirando como se conculcan os dereitos da maioría social e se afonda nun proceso que avanza cara ao autoritarismo de corte fascista, polo que facemos un chamamento á clase traballadora galega a tomar as rúas este 1º de Maio participando nas 20 mobilizacións que a CIG ten convocadas por todo o país.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:

  • Vigo: ás 12 horas, no Cruce da Dobrada. 
  • A Coruña: ás 12 horas, na Praza de Vigo.
  • Ferrol: ás 12 horas, no Local Sindical (Avenida do Esteiro)
  • Lugo: ás 12:00 horas, desde o Edificio Sindical (Ronda Muralla). Esta manifestación ten carácter central.
  • Ourense: ás 11:30 horas, na Praza Maior.
  • Pontevedra: ás 12 horas, en Pasantería.
  • Santiago de Compostela: ás 12 horas, na Praza Roxa.
  • A Estrada: ás 12 horas, na Praza do Mercado.
  • A Guarda: ás 12:00 horas, na Praza Avelino Vicente.
  • As Pontes: ás 12:00 horas, na Praza de América.
  • Cangas: ás 18:00 horas, desde o concello.
  • Carballo: ás 12:00 horas, na Praza do Concello.
  • Cee: ás 12:00 horas, na Praza de Otero Lastres.
  • Foz: ás 12:00 horas, desde a Praza de Galiza.
  • Monforte: ás 12:00 horas, na Praza de España.
  • O Porriño: ás 12:00 horas, na Praza do Concello.
  • Ribeira: ás 12:00 horas, no Mercado Municipal.
  • Verín: ás 12:00 horas, na Praza do Concello.
  • Vilagarcía: ás 11:30, na Avenida da Mariña.
  • Vilamartín de Valdeorras: ás 12:00 horas, na Praza José Luís Núñez.