Será posible que ninguén pense nas crianzas e nas traballadoras?

O persoal das escolas públicas de cero a tres anos, pendentes de incorporación aos novos postos o 1 de setembro, pregúntase como se van organizar para atender ás familias e ás crianzas no tempo que se establece na Resolución de adxudicacións de prazas que se publicou en marzo (na que se contemplan só tres días sen alumnado).

Pode ser que á Xunta de Galiza non lle importe o máis mínimo o que aconteza porque, ante a falta de previsión, quen sae gañando é a quen se protexe nesta deriva privatizadora do Partido Popular, que non son outras que as escolas infantís privadas.

Hai uns días preguntamos en mesa de negociación sobre os actos de elección de destino e se estaban organizando todo para o inicio de curso, pero polo que estamos comprobando, este barco que son as escolas infantís, navega sen rumbo!

O Consorcio quere que se duplique o traballo organizando xuntanzas coas familias en xullo con equipos que non estarán en setembro (e que se reúnan en horario de atención ás crianzas), que nos 3 primeiros días de setembro, sen alumnado, se reúnan de novo coas familias, planifiquen o inicio de curso e fagan entrevistas individuais e que o día 4 comece o curso. Todo isto ten que recollerse nun documento no que tamén piden que non se alarme ás familias…pero este documento son instrucións políticas ou pedagóxicas? Cando pensan nomear ás direccións dos centros? Ninguén pretende alarmar ás familias pero enganalas tampouco.

Adopten as medidas acaídas para que non se produza o caos!

Os horarios das traballadoras se establecen segundo as ratios do alumnado matriculado nos vindeiros días de xuño (do 1 ao 12), e non serán adxudicados ata o 1 de setembro, segundo indica a DXEP. Como teñen previsto resolver prazos? E as situacións de conciliación? E se as traballadoras tiñan prazas para as súas crianzas nos seus centros actuais, ten a Administración algo pensado para que nos novos centros das traballadoras poidan matricular aos seus fillos/as?

As peticións da CIG, como mínimo, son:

  • Dean resposta antes do 31 de xullo dos horarios do persoal e habiliten xa a posibilidade de solicitar as concrecións e reducións por conciliación con resposta inmediata.
  • Posibilidade de cambiar de centro as fillas e fillos do persoal, para o novo centro ou para a localidade de residencia.
  • Que a incorporación das crianzas non sexa antes do día 14 de setembro.
  • Que nomeen tamén neste período unha dirección, que só aceptaremos que sexa provisional polo ben do servizo, pero terán que habilitar outra forma de provisión que non sexa a de libre designación.

 

Fabiola: en tres días organizas ti a escola?