A CIG reclama o rexistro retributivo, imprescindíbel para analizar a fenda retributiva entre mulleres e homes.

No mes de xuño a CIG solicitou o rexistro retributivo do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma do ámbito subxectivo do I Plan de Igualdade da Xunta de Galiza, que afecta a máis de 26.000 persoas.

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración do Persoal resolveu en contra da solicitude con base nas «limitacións do dereito de acceso á información pública», aludindo ao artigo 25.1 da Lei de transparencia e bo goberno. Tamén á necesidade da Administración de «reelaboración previa» da información que se solicita.

A CIG non asinou un plan de igualdade que non estabelecía ningunha medida para corrixir desigualdades máis que as  que estabelece a propia lexislación básica. Os demais sindicatos da Mesa foron quen de asinar, incluso sen os documentos de obrigada achega por parte da Administración como é o rexistro de postos de igual valor.

Enchen a boca dicindo que mulleres e homes reciben as mesmas retribucións («faltaría máis»—din), pero os feitos sonche testáns: as mulleres, ao cobrarmos as prestacións por embarazos, por risco ou por maternidade pola última base de cotización, quedamos decotío sen as subas salariais, sen o cobramento dos atrasos dos trienios cumpridos durante estas situación, etc.

Pasaron xa tres anos e seguimos sen avanzar no plan de igualdade nin un pequeniño chanzo, coa complicidade dos sindicatos asinantes que forman parte da Comisión de Seguimento do I Plan de Igualdade; tres anos sen ningún documento sobre os postos de igual valor e sen actualizar o rexistro retributivo.

O Real decreto 902/2020, de igualdade retributiva entre mulleres e homes, estabelece que todas as empresas teñen que ter un rexistro retributivo coa elaboración dos datos das medias dos niveis de remuneración e desagregados, indicando que ten que incluír os valores medios dos salarios, os complementos salariais e as percepcións extrasalariais dos cadros de persoal, desagregados por sexo, a media aritmética e a mediana do realmente percibido por cada un destes conceptos e polo sistema de clasificación que empregue a empresa (niveis, categorías, postos...). 

A Directiva (UE) 2023/970, do 10 de maio de 2023, pola que se reforza a aplicación do principio de igualdade de retribución entre homes e mulleres por un mesmo traballo ou un traballo de igual valor a través de medidas de transparencia retributiva e de mecanismos para o seu cumprimento, estabelece, tamén, que este rexistro retributivo ten que facilitárselle ao persoal a través da súa representación cunha periodicidade anual.