Máis de 50 compañeiras e compañeiros ven como a Administración lles desconta máis de 1000 euros nas nóminas de xullo. 

O caos na xestión das nóminas do persoal de Medio Rural volve quedar en evidencia. Nesta ocasión, máis de 50 axentes ambientais da provincia de Pontevedra sufriron descontos superiores aos 1000 euros na nómina de xullo baixo o concepto «Específico xuño/decembro», unha regularización que a Administración atribúe a incidencias na confección das nóminas derivadas da aplicación da cotización adicional para a xubilación co coeficiente redutor.

Non é a primeira vez que o persoal axente e bombeiro padece erros nas súas nóminas ao longo deste ano. O que resulta inadmisíbel é que a Administración continúe trasladando ao persoal as consecuencias dos seus propios fallos, provocando minoracións salariais de tal magnitude sen información previa nin explicacións suficientes.

A comunicación remitida ás persoas afectadas non permite comprender con claridade a regularización practicada. Mentres nas nóminas o desconto figura baixo un concepto retributivo, a Administración tamén fai referencia a unha suposta duplicidade nas retencións do IRPF e anuncia unha redución das retencións nos vindeiros meses para «solucionalo». Ambas as dúas cuestións aparecen mesturadas, sen que resulte posíbel verificarmos a relación entre elas nin coñecermos se a solución adoptada garante que non existirán consecuencias fiscais para o persoal afectado.

Non é aceptábel que un erro na xestión das nóminas se resolva descontando máis de 1000 euros nun único mes, xerando graves dificultades económicas a numerosas compañeiras e compañeiros.

Por este motivo, vimos de presentar un escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural e á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no que esiximos unha explicación formal do sucedido, a remisión do informe técnico elaborado por CIXTEC que fundamenta a regularización practicada e garantías expresas de que as medidas anunciadas a respecto do IRPF non ocasionarán ningún prexuízo ás persoas traballadoras afectadas.

Ao mesmo tempo, estamos recompilando información para coñecer o alcance real desta incidencia e determinar se tamén afectou a outras provincias e colectivos.

A Administración debe asumir a súa responsabilidade. Non é o persoal quen ten que pagar as consecuencias dunha xestión deficiente das nóminas. Exiximos transparencia, garantías e unha solución inmediata!