Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia.

Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á misa ou participar nos actos relixiosos que considere oportunos. É unha cuestión da súa esfera persoal e da súa liberdade individual, e non temos nada que dicir ao respecto.

O que cuestionamos é que a propia Xunta de Galiza empregue o seu web e as súas canles institucionais para publicitar a participación do presidente nun acto de culto relixioso, porque aí xa non estamos a falar de Rueda como cidadán. Estase a empregar a institución que representa ao conxunto das galegas e dos galegos, independentemente das súas crenzas, da súa relixión ou de que non profesen ningunha.

A participación de Rueda na procesión da Virxe da Peregrina é unha cuestión persoal. Que a Xunta a converta en comunicación institucional é unha decisión da Xunta. Non é a primeira vez que usa as canles de difusión da Xunta para promocionarse, pero por iso non é menos cuestionábel.

E resulta difícil non preguntarse: veremos tamén á Xunta publicitando a participación do presidente en actos relixiosos doutras confesións? Ou emulará ao novo goberno de Colombia cos seus retiros, ou a Trump, é pasará directamente a rezar antes dos Consellos da Xunta?

A Administración pública debe ser neutral e representar a toda a cidadanía. Non pode empregar os medios institucionais nin as persoas empregadas públicas para dar relevancia a unha opción relixiosa particular, aínda que sexa a maioritaria do País, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. 

Dende a CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e para todas.

Rueda pode facer o que lle pete. A Xunta debe representar a todas e todos!