O novo Plan da lingua galega promete aumentar a formación do funcionariado sen contar cos recursos precisos
Urxe unha solución para o persoal laboral da categoría de titulado/a superior lingüista ao non se corresponder a carga de traballo coa xornada parcial aprobada pola RPT
O día 13 de xullo de 2026 publicouse no DOG a Resolución do 6 de xullo de 2026 pola que se nomean persoal laboral fixo na categoría 40 do grupo I de persoal laboral da Xunta de Galicia, titulado/a superior lingüista, as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos, mediante o sistema de concurso ou de concurso-oposición, para cubrir un total de 18 prazas derivadas dun proceso de estabilización para regularizar a situación do profesorado declarado persoal laboral indefinido non fixo da Xunta de Galicia. Para a toma de posesión declarouse, como para outros procesos con resolución en período estival, a urxencia e así o prazo foi de 15 días naturais desde o día seguinte á publicación no DOG.
Porén, malia que tivo que tomar posesión con urxencia, este persoal atópase neste momento en suspensión de funcións en espera de que comecen os cursos de linguaxe administrativa e xurídica o día 1 de setembro, dado que ata esa data non está convocado ningún dos cursos que este persoal debe impartir.
Pero non remata aí toda esta desfeita, posto que do total das 18 prazas que figuran na RPT en día de hoxe só están nomeadas 9 persoas, inda por riba con contrato a tempo parcial de media xornada durante 7 meses ao ano, posto que o resto está á espera de que Emprego Público publique a relación complementaria que permita o seu nomeamento.
En día de hoxe temos constancia dun total de 23 cursos convocados de linguaxe administrativa e xurídica galega que antes impartían 18 persoas e para o vindeiro día 1 de setembro só están nomeadas 9 persoas contratadas a tempo parcial. AS CONTAS NON DAN SE SÓ 9 PERSOAS TEÑEN QUE ASUMIR 23 CURSOS.
URXE UNHA SOLUCIÓN A ESTA PROBLEMÁTICA
Ante o inminente comezo dos cursos de linguaxe administrativa e xurídica convocados (1 de setembro) e a falta de profesorado, cómpre buscar solucións, máxime cando este persoal ten prevista na RPT unha xornada a tempo parcial de 7 meses ao ano e existe carga de traballo acreditada para poder asumir unha xornada a tempo completo.
A solución é modificar a RPT e ampliar esa parcialidade do contrato, así como o número de meses de traballo, dado que tamén van impartir, como xa viñan facendo, os cursos Celga e destes cursos realízanse, posteriormente, probas de avaliación. Estas probas son exames escritos que despois cómpre corrixir, así como exames orais que cómpre avaliar. A maiores disto, o novo Plan de normalización da lingua galega inclúe a ampliación da formación no plano da Administración e tamén noutros sectores, como o das persoas inmigrantes. Pero que podemos agardar desta ampliación no papel se o persoal da Administración pública galega tarda anos en moitos casos en acceder a un curso de linguaxe administrativa ou xurídica?
Ademais, débese crear unha listaxe de substitucións conforme o Decreto 37/2006, recentemente modificado, para poder cubrir diferentes eventualidades que poidan xurdir: incapacidades temporais, cubrir vacantes (xa existe 1 derivada do proceso de concurso-oposición), convocatoria de novos cursos previstos no Plan de normalización da lingua galega, etc. Segundo a última actualización en relación co Decreto de listas de contratación da Xunta, non se creou ningunha listaxe de persoal laboral, grupo I, categoría 40, que é como se denomina este persoal encargado de impartir a citada formación.
Porén, cómpre procurar solucións a moi curto prazo:
-Que Emprego Público lle solicite ao tribunal que se reúna de forma urxente para propor para o seu nomeamento 8 persoas da listaxe do proceso selectivo por concurso de méritos, dada a renuncia do mesmo número de persoas aspirantes e que segundo a normativa de estabilización deben ser cubertas coas seguintes aspirantes na listaxe, sempre que cumpran os requisitos para o seu nomeamento.
-Que se declaren de interese público os cursos de formación en lingua galega. Isto aconteceu xa no ano 1988. Este tipo de declaración permite que, por interese público, se poidan efectuar funcións docentes públicas a tempo parcial e con duración determinada coa correspondente autorización de compatibilidade.
-Que se regule o horario deste profesorado, tal e como está regulado o horario do persoal docente de lingua galega das escolas oficiais de idiomas, persoal que, ademais das funcións docentes propias das ensinanzas de idiomas de réxime especial, tamén imparte cursos de linguaxe administrativa e cursos Celga.
É preciso engadir que a formación de adultos e en concreto a de linguaxes específicas, neste momento clave e co Pacto da lingua sobre a mesa, debe contar con profesionais con estabilidade laboral e preparados para garantir a calidade da formación. Por tanto, dado que a formación de formadores é sempre precisa para a actualización do persoal docente, solicitamos tamén á Secretaría da Lingua que efectúe xornadas de formación continuada para este persoal.