A CIG denuncia que Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras.
Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez conseguida a aclaración do departamento de Emprego público, a causa é que o tempo en redución de xornada por conciliación non se esta a contabilizar, só se está a contar o efectivamente traballado.
Dupla penalización
Na CIG non saímos do noso asombro. A propia Función Pública discrimina na promoción profesional ás súas traballadoras por usar seu dereito á conciliación, facéndoas caer na dupla penalización: redución de salario e redución na carreira profesional.
Por iso, preguntámonos quen está ao mando deste barco, quen controla que se cumpra a normativa de igualdade e non discriminación, para que serve ter un Plan de Igualdade se non se cre na Igualdade, quen dá este tipo de ordes discriminatorias e onde está a formación do persoal responsable e das persoas traballabadoras en materia de igualdade para que isto non poida suceder.
No noso sindicato cuestionamos a hipocrisía e falla de compromiso coa igualdade e solicitamos que corrixan estas prácticas discriminatorias e que fagan real e efectiva a igualdade na Xunta de Galiza.
Denuncia no xulgado
De non ser así, advertimos de que acudiremos aos tribunais a denunciar á Dirección Xeral de Emprego Público e ao resto de consellarías que non están a contabilizar a redución de xornada, por violación do dereito fundamental á igualdade por razón de xénero na promoción profesional e no salario.
Na CIG amosamos a nosa desconformidade con que non se computen para carreira profesional como xornada completa as xornadas inferiores á ordinaria, da mesma forma que acontece nos trienios. A antigüidade sempre é a xornada completa e existe numerosa normativa e xurisprudencia que así o recoñece.
