A CIG ven de solicitar a Función Pública que aquel persoal que supere un proceso de estabilización e que teña recoñecida a axuda por persoa con discapacidade do artigo 35 do V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza non deixe de percibila.

Entendemos que, como xa pasou co persoal laboral que se funcionarizou, o persoal que estabilizou deixará de percibir esta axuda e cando menos terá que esperar a que se abra novamente o prazo de solicitude do Fondo de Acción Social (FAS) para que poda solicitar a pervivencia do seu dereito.

Hai que ter en conta tamén que o FAS leva un importante atraso (agora mesmo aínda está sen resolver o que corresponde ao ano 2025) polo que si a este persoal non se lle mantén o dereito que tiña recoñecido como persoal laboral tería que esperar ata o ano 2027 para poder solicitalo.

É evidente que o importe non é elevado, pero si que supón unha axuda para contribuír aos gastos que supón ter unha persoa dependente a cargo e que ten uns ingresos moi baixos (inferiores ao SMI).

A CIG xa leva anos denunciando que do FAS xa só queda a axuda para atención de persoas con discapacidade porque a Xunta mantén suprimidas as axudas iniciais deste fondo, como a xubilación, discapacidade propia, fillos/as menores, maiores a cargo, axuda aos estudos de fillos/as e propios, adquisición de vivenda, gastos sanitarios e ópticos.

É por iso que xa solicitamos que esta axuda sexa incluída no recibo de salarios tamén para o persoal funcionario, co mesmo sistema de solicitude e xestión que ten o persoal laboral. De non facerse así supón un agravio comparativo para o persoal funcionario público que cada ano debe solicitar e achegar a documentación xustificativa para percibila con máis de un ano de atraso.

Para poder facelo sería necesario acompasar os dous anos que leva de atraso e é preciso incrementar o orzamento, polo que a CIG, novamente o incluirá nas súas achegas á lei de medidas que se negocie nos vindeiros meses.

Agora mesmo manter a axuda do artigo 35 a aquelas persoas que a viñan percibindo é cuestión de vontade, non de cartos, porque ese orzamento existe polo que... Haberá vontade por parte de Dirección Xeral de Emprego?