Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26)

O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible.

Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo coas traballadoras que despois de un mes, continúan a loitar para ser cesadas (e así acceder ás listas de contratación) ou ter os seus certificados de empresa para poder tramitar ás súas prestacións por desemprego.

Hoxe foi o día da reunión co xerente, xerente adxunta de escolas infantís e o xefe de persoal. Hai que vivilo para contalo.

 

Ceses e certificados de empresa

A primeira cuestión foi sobre os ceses e os certificados de empresa. Como está esta situación? Cando pensan arranxar este problema que se iniciou o 17 de agosto e continúan sen arranxar?

Di o xerente que revisaron todo e que xa todos os casos deberían estar ao día, que a xestoría externa que teñen contratada (!!!) emitiu todos os certificados de empresa. Pero ollo! Que se alguén o tivera mal, que lle mande un correo! Así que aquí compartimos a conta de correo electrónico do xerente, para que reciba el todas aquelas comunicacións necesarias: xerente@igualdadebenestar.org

Tamén aproveitamos para que estes altos cargos tomen conciencia do que significa non cobrar a prestación por desemprego e procedemos a ler cartas que nos pasaron varias afectadas. Coa CIG tamén estaba unha afectada na xuntanza que leu unha carta no seu nome e apoiando a todas as compañeiras cesadas.

 

Trienios

Recibida hoxe a nómina para as novas funcionarias de carreira, non están os trienios. Explica o xerente que Emprego Público xa ten toda a información para poder facer os pagos. Así que comeza o xogo de “balóns fóra” para moitas da preguntas que faremos. Datas para o pago dos trienios? Non hai respostas.

 

Portal do empregado (asuntos propios e vacacións)

Aseguran que a día de hoxe xa está todo correcto para todas as traballadoras, que non se perden os asuntos propios non desfrutados, que estaban facendo reaxustes e xa está todo ben.

Insistimos se están seguros que é así e confirman que si, que está todo ben. Na CIG supoñemos que se hai erros… mail ao correo do xerente.

 

Redución de xornada: para cando as resolucións?

Máis voltas e voltas. Que non teñen as carteleiras das escolas e entón non poden resolver, que o primeiro é prestar o servizo (o segundo debe de ser que as traballadoras dispoñan dunha redución de xornada para a garda e custodia dos seus fillos/as menores).

Protestamos que este colectivo está formado nos seus cadros de persoal por mulleres, que xa basta de continuar tirando balón fóra e resolvan!

Teñen intención de facelo nos vindeiros días, pero que hai moito volume de traballo porque se deron cambios de centros de traballo.

 

Complemento por funcións de dirección nas escolas infantís e redución de xornada

Como pode ser que as direccións que teñen redución de xornada, teñan reducido o plus de dirección? Entón… matriculan menos alumnado? atenden a menos familias? xestionan menos a escola? Como se entende isto! É redución do tempo de atención directa ás crianzas, non de funcións como dirección!

Explican que isto é un problema informático… que temos razón… que si que estaba pasando así…mil voltas.

Preguntamos: ides corrixilo?
Din que si (veremos!).

 

Sentenzas carreira profesional

Xa pasan do ano para facer estes pagos recoñecidos por sentenza. Están avisados para que así o fagan e todo continúa igual.

Precisamos datas de pago e ollo á resposta: silencio total.

 

Movemento das persoas que ocupan postos itinerantes nas escolas infantís

Informan que están valorando que postos teñen que moverse segundo a demanda de matrícula no período extraordinario de admisión de alumnado, que están facendo o estudo cos coordinadores/as.

Solicitamos que sexan cautelosos con estes movementos, que informen coa maior antelación posible e que non sexan traslados do persoal que lles repercuta na súa vida familiar.

 

Coberturas

A estas alturas non están ofertadas todas as coberturas xeradas dende o día 1 en moitos casos. Os centros están desbordados porque é un comezo de curso totalmente diferente e con falta de persoal.


Outra partida de balóns fóra. Que a culpa é de Emprego Público, que son quen xestionan as listas de contratación.

 

Tomas de posesión das escalas sociosanitarias

Preguntamos: o persoal técnico dos I+B e dos CD, poden seguir coa flexibilización e teletraballo se toman posesión no mesmo posto que ocupaban? Non contestan.

Enviaron mail dende o departamento de persoal avisando do erro de requirir CELGA, titulación e informe médico para as tomas de posesión? (esta documentación xa foi presentada para poder elixir destino). Di o xerente que si, que se avisou aos centros de traballo estes días.

Poden explicarnos as chamadas que están recibindo as equipas técnicas dos centros residenciais na que se lles di que a partir desta fin de semana terán que traballar en fin de semana? Como aplican un cambio das carteleiras negociadas ata o 31 de decembro? Di o xerente que falará co xerente adxunto sobre este tema. Indicamos que URXE aclarar isto e que non poden romper unilateralmente o asinado cos comités de empresa.

Pouco máis e veñen dicirnos que son as xerencias as vítimas de todo o que sucede, que fan ata onde poden… vaia escándalo!

Se tan mal están, o noso consello dende a CIG é que presenten a súa dimisión!