Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a consellería convocounos a unha xuntanza para tratar de ultimar os cambios.

Despois de que a consellería explique as últimas modificacións, dende a CIG valoramos que hai avances aínda que tamén certas demandas non foron atendidas.

  • Atenden a nosa alegación de non modificar e volver á redacción orixinal do artigo 1 para non excluír ao persoal que pase a segunda actividade.
  • Aceptaron a alegación referida ao descanso semanal mínimo de 60 horas e á determinar que a quenda semanal se entende como a comezada ás 00:00 horas do día no que se inicie o primeiro servizo da quenda.
  • Matizan o novo artigo 2.bis introducindo unha prelación, pero non excluíndo como antes, para prestar servizos en embarcacións tripuladas por persoal de empresas privadas, dando preferencia a quen non ocupe praza de patrón ou mecánico.
  • En relación ao número máximo de horas que non se poden exceder nas prolongacións de xornada pasan de 12 a 10 (nós pedíamos 8).
  • No caso do número máximo de quendas nocturnas aceptan que se fixe que non se poden realizar máis de 3 consecutivas pero non reducen o número a 6 como propón a CIG e manteñen as 8 mensuais.
  • Aceptan a suba da compensación do 24, 25, 31 de decembro e 1, 5 e 6 de xaneiro a 120 euros fronte aos 90 actuais.
  • Actualizan a contía suplementaria do complemento específico recollida na orde polo importe actual de 746,40 euros.
  • Aceptaron en case a súa totalidade a alegación da CIG referida á formación.
  • Tamén aceptan que a comisión se reúna ordinariamente 2 veces ao ano e que poida facelo de xeito extraordinario a petición dunha das partes.

Hai que dicir tamén que outras alegacións non foron aceptadas.

  • Non aceptan que o descanso adicional de 10 días por ano traballado pase de computarse en días naturais a hábiles, aínda que si aceptan, que no caso de postos con adaptación ou redución de xornada por conciliación, baixas, embarazo, maternidade e lactación ou permisos legais retribuídos, non se aplique a proporcionalidade e se desfruten na súa totalidade. E aceptan que se poidan desfrutar, a petición do interesado, de forma continuada, aínda que suxeita ás necesidades do servizo.
  • Aínda que, como dixemos antes, reducen o número máximo de horas que non se pode exceder nas prolongacións de xornada a 10 horas mensuais, non recollen a nosa demanda de topar o semestre en 16, nin de reducir a 3 horas prolongación por quenda.
  • Tamén queda sen resposta a redución proposta de 10 quendas de fins de semanas e festivos e de quendas nocturnas como máximo en cada período de 6 meses, mantendo as 16 de fin de semana e 18 nocturnas de fin de semana actuais.
  • Tampouco aceptan considerar como xornadas especiais de traballo os festivos de carácter estatal e autonómico.

 

Gardacostas como servizo público esencial

Unha das demandas fundamentais e que non foi atendida, se ben é certo que tería que ir fóra desta orde de horarios, recollerse nunha lei e que necesita o visto e prace de Orzamentos, sería a da consideración deste Servizo como servizo público esencial a efectos de cubrir as baixas e poder facer chamamentos de persoal.

Isto solucionaría moitos dos problemas, e repercutiría na calidade do servizo que se presta, na minoración da carga de traballo, na creación de emprego e movemento das listas, na racionalización dos cuadrantes, na seguridade e saúde no traballo, etc,

Dende a CIG levamos anos insistindo que se acepte que moitas das funcións centrais deste servizo que están ligadas ao salvamento marítimo, loita contra a contaminación, etc. son en esencia propias dun servizo de emerxencia.

A consellería di que a Dirección Xeral de Orzamentos non atende esta demanda e nós pola nosa banda, solicitamos a través dunha proposta de emenda que enviamos aos grupos parlamentares, que se inclúa aos efectos antes mencionados o Servizo de Gardacostas como prioritario e servizo esencial.

Porque as consecuencias prácticas de non facelo é que Orzamentos non permite cubrir case a metade das necesidades de interinidades e substitucións cada vez que se solicitan.

ÚLTIMA MODIFICACIÓN: hoxe, día 27, a consellería envíanos un correo dicindo que aceptan a redución de 8 a 6 quendas nocturnas mensuais.