Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos.
Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos esenciais para a cidadanía e que na súa meirande parte están en mans de empresas privadas pero pagados con fondos públicos, vemos como son as persoas traballadoras as que sosteñen estes servizos públicos co seu traballo diario e que, demasiadas veces, reciben como recompensa a incerteza, a falta de recoñecemento e decisións tomadas de costas a elas.
Tamén acontecen despedidas que se viven con alivio. Especialmente cando marcha quen, desde a súa responsabilidade política, contribuíu a empeorar as condicións de traballo, a deteriorar os servizos públicos e a ignorar sistematicamente as demandas do persoal traballador. Ou cando unha conselleira é reclamada polos dirixentes do PP de Madrid para capitanear novos barcos nas augas mesetarias. Un ascenso, din algúns; unha recompensa polos servizos prestados, poderiamos dicir nós, con toda a retranca do mundo. Porque, á vista da situación na que deixa a Consellaría, o difícil non é mellorar a súa xestión: o difícil sería empeorala aínda máis.
Esta é a herdanza que deixa Fabiola García:
Máis agresións ao persoal traballador, nun contexto no que faltan medios, protección e respostas efectivas para garantir a seguridade de quen atende a persoas en situacións de especial vulnerabilidade.
Un persoal técnico desbordado, cunha carga de traballo incompatible cunha atención individualizada e de calidade. Cunhas ratios esaxeradas e inasumibles.
Un sistema de protección ao bordo do colapso, incapaz de dar resposta adecuada ás necesidades existentes e cada vez máis dependente das prazas concertadas con entidades do terceiro sector.
Máis desprofesionalización e menos especialización, debilitando os equipos e comprometendo a calidade da atención.
Un avance continuado da privatización do sistema de protección ás persoas en situación de vulnerabilidade, abrindo cada vez máis espazo á xestión externa en detrimento do reforzo dos servizos públicos.
Un acceso colapsado aos recursos de dependencia e discapacidade, con persoas e familias condenadas a agardar por unha atención que precisan aquí e agora.
Unhas condicións laborais con xornadas abusivas, falta de medidas de conciliación e cunhas táboas salariais que non dan para a carestía de vida, a maioría está no SMI ou mesmo por debaixo.
E esta é só unha parte da factura da súa xestión. Detrás de cada dato hai profesionais precarizados, desbordados, equipos insuficientes, persoas desatendidas e familias obrigadas a soportar as consecuencias dunha política que non estivo á altura das necesidades sociais.
Pero hai algo que define aínda mellor estes anos de xestión: o desprezo polo persoal traballador
Ás carencias materiais, á sobrecarga de traballo e ao deterioro dos servizos públicos sumouse a falta de vontade política para escoitar e negociar con quen coñece de primeira man os problemas. Centos de demandas, conflitos e dificultades quedaron sen resposta. As canles de negociación permaneceron pechadas mentres o persoal seguía facendo fronte, día tras día, a unha situación cada vez máis difícil.
Porque gobernar non consiste en ocupar un despacho, facerse fotografías e anunciar compromisos que logo non se cumpren: pura propaganda. Gobernar implica asumir responsabilidades, poñer medios, escoitar as persoas traballadoras e negociar solucións. E nisto, Fabiola García deixa moito que explicar e demasiado por reparar.
Por iso, desde a CIG, a CUT e o SNEP, este bye, bye Fabiola non é unha despedida triste. É unha despedida cargada de alivio e tamén de esperanza. A esperanza de que a súa marcha poña fin a unha etapa marcada pola falta de diálogo, polo abandono do persoal e polo deterioro dun sistema público esencial para garantir dereitos. É un obxectivo acadado cando xa viñamos, mobilización tras mobilización, pedindo a súa dimisión.
E desexámosche, Fabiola, que «tanta paz leves como desfeita e desleixo para o persoal deixas».
Mais non confundamos o alivio pola marcha dunha conselleira coa solución dos problemas que deixa atrás. Cambiar a persoa que ocupa o cargo non abonda se non cambia a política que conduciu a esta situación. Os problemas seguen aí, o persoal segue soportando as súas consecuencias e as persoas usuarias seguen precisando respostas urxentes.
Por iso, tamén lle damos a benvida á nova conselleira, Ángeles Vázquez, á que lle desexamos acerto no desempeño das súas novas responsabilidades e, sobre todo, a vontade política que faltou ata agora. Recibe unha Consellaría con moito traballo pendente, conflitos sen resolver e servizos públicos que precisan medidas urxentes. Agardamos que veña cun talante diferente, con disposición real ao diálogo e coa vontade de construír, xunto coa representación social, solucións que permitan recuperar e reforzar uns servizos públicos de calidade.
Pero que ninguén se equivoque: a paciencia do persoal non é infinita, e a disposición ao diálogo non significa renunciar á reivindicación nin á mobilización. A negociación non pode ser unha operación de imaxe nin unha sucesión de reunións sen resultados. Ten que servir para resolver problemas, mellorar as condicións de traballo, reforzar os cadros de persoal e garantir unha atención digna e de calidade.
Desde a CIG, a CUT e o SNEP seguiremos defendendo os dereitos do persoal e denunciando todas as decisións que debiliten os servizos públicos. Non imos normalizar a sobrecarga de traballo, a falta de medios, a privatización nin o desprezo cara a quen sostén estes servizos co seu esforzo diario.
Nos vindeiros días volveremos remitir a petición de apertura das mesas de negociación. Esiximos que se convoquen, que se aborden os problemas reais e que se poña enriba da mesa un compromiso efectivo coa construción dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, con persoal suficiente, condicións laborais dignas, atención profesionalizada e garantías públicas de calidade.
Porque os servizos sociais non poden seguir funcionando a costa do sacrificio das persoas traballadoras. Porque a atención ás persoas non pode quedar subordinada á improvisación nin aos intereses privatizadores. E porque Galiza precisa uns servizos públicos fortes, públicos de verdade, planificados desde o país e ao servizo das necesidades da súa xente.
Fabiola marcha. Os problemas quedan. E a loita por uns servizos públicos galegos, dignos e de calidade continúa.
Nin un paso atrás na defensa dos dereitos do persoal e dos servizos públicos!