A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal.

A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) na tramitación do seu primeiro plan de igualdade: catro horas de formación en igualdade para as persoas encargadas de defender os dereitos do cadro de persoal, meses sen reunións, unha diagnose elaborada fóra da comisión negociadora e un intento de someter o borrador a votación sen expoñelo, debatelo nin negocialo na xuntanza do 9 de outubro. Na CIG Administración Autonómica sinalamos que a igualdade non pode quedar reducida á sinatura dun documento preparado pola empresa e a súa consultora.

A comisión negociadora, constituída por catro persoas delegadas da CIG, unha de CCOO e outra de UGT, constituíuse o 17 de outubro de 2025. Tras a reunión do 18 de marzo de 2026, non volveu reunirse até o 9 de outubro. O primeiro e único borrador do plan chegou o 11 de setembro e, apenas tres semanas despois, a empresa convocou a comisión coa intención de dar por finalizado o proceso.

Segundo as delegadas e delegados da CIG integrantes da comisión de igualdade de Seaga, no requirimento presentado, a diagnose é incompleta, non abrangue todo o censo de persoal e carece dunha valoración de postos e dun rexistro retributivo válidos que permitan sustentar unha auditoría salarial axustada á realidade da empresa. Sen coñecer e negociar as desigualdades existentes, insisten as persoas representantes do persoal, non se poden acordar medidas eficaces para corrixilas.

A documentación tampouco chegou co tempo necesario. Os borradores das actas de marzo e novas versións da diagnose e do protocolo contra o acoso remitíronse o día anterior á reunión do 9 de outubro. A CIG Administración Autonómica opúxose a aprobar as actas nesas condicións e reclamou debater o plan. Posteriormente, tivo que solicitar a rectificación da acta para que recollese integramente a súa intervención.

Despois chegaron as cancelacións: Seaga desconvocou a reunión do 16 de outubro alegando falla de tempo para estudar a documentación e as propostas sindicais da CIG. Tamén cancelou a do día 22, invocando a preparación dun proceso electoral, sen fixar unha nova data. Porén, presentar alegacións, pedir información e propoñer un protocolo fronte á violencia de xénero é exercer a participación sindical. Non pode utilizarse para responsabilizar á parte social da paralización.

A CIG Administración Autonómica exixe unha convocatoria inmediata, un calendario de negociación, toda a información necesaria e respostas motivadas ás propostas presentadas. Reclama un plan con obxectivos, recursos, persoas responsábeis e prazos verificábeis en materia de igualdade retributiva, promoción, formación, conciliación e protección fronte á discriminación e ás violencias machistas.

Cumprido un ano dende a constitución da comisión, Seaga debe deixar de adiar a negociación. A CIG Administración Autonómica mantén a súa disposición a negociar e a acudir á mediación, sen renunciar ás actuacións inspectoras ou xudiciais que procedan.

O persoal precisa igualdade efectiva, non máis demoras!