A directora xeral de Emprego Público comunicounos na Mesa Xeral do 10 de novembro de 2026 que o persoal de AGACAL, GAIN e INTECMAR quedará para a seguinte OEP de funcionarización (para a cal non teñen data) porque aínda non está integrado. A integración é un requisito previo para que o persoal que o desexe poida funcionarizarse.
Sen convocatoria á CIG para as negociacións das integracións
Na Comisión de Persoal do 27 de outubro de 2026 a CIG preguntou sobre a integración de GAIN, INTECMAR e AGACAL , e a resposta da directora xeral foi que non tiñan ningunha información, e que cando a tivera facilitaríanola, e referiuse a que, en primeiro lugar, serían os comités de empresa os encargados de negociar con carácter previo, e despois viría á Mesa Xeral e á Comisión de Persoal para publicar as convocatorias.
Outro sindicato estaba a difundir daquela informacións ao persoal de que había previsión de rematar as integracións antes de finalizar o ano 2026 e antes da convocatoria da carreira extraordinaria. A directora xeral desmentiuno coa contestación dada á CIG.
Agora, na Mesa do 10 de novembro a directora xeral afirma que a integración está «en trámite», pero a CIG, sindicato maioritario, so está convocada para “negociar” unha integración dunha pequena parte do persoal do AGACAL, negociación da que non se nos facilitou sequera a documentación mínima requirida.
Por isto, advertimos de que non ter asinado acordos de papel mollado non nos priva do dereito a participar nas negociacións que nos corresponden pola nosa representatividade.
Un acordo con compromisos incumpridos
O Acordo de integración de Gain, do 31 de outubro de 2023, asinado pola Administración e CSIF, CCOO e UGT, sen a sinatura da CIG, recollía o seguinte cronograma:
- Negociar a orde de integración no segundo semestre de 2023, mesmo sen finalizar a estabilización, para posibilitar a súa publicación inmediata unha vez rematada esta.
- Comezar a negociar a RPT no segundo semestre de 2023, para permitir a integración e a posterior funcionarización.
- Como obxectivo, rematar a funcionarización no primeiro semestre de 2024.
De feito, grazas a iso tiveron unha elección de destino e unha toma de posesión con códigos de RPT ficticios e só coa denominación das prazas, non coa descrición das características laborais (descrición retributiva, requisitos imprescindibles, méritos e outras características), como si tivo o resto de persoal. Algo que dende a CIG instamos a que se fixera en reiteradas ocasións, sen recibir resposta de GAIN, e ante a pasividade do resto de sindicatos.
Tres anos despois da sinatura, a integración segue pendente e esa demora volve adiar a funcionarización do persoal de GAIN.
Achegamos o acordo para que poidades consultar os compromisos e os prazos que recollía.
A xustiza deunos a razón!
Fóra a chantaxe da funcionarización!
Un dos motivos polos que a CIG non asinou o acordo foi o rexeitamento á chantaxe de condicionar o cobramento da carreira profesional ao compromiso de funcionarizarse. Defendemos que o persoal da Administración xeral da Xunta e de todos os entes debía poder acceder a este dereito sen verse obrigado a optar pola funcionarización.
Tivemos que acudir á vía xudicial e a sentenza gañada recentemente pola CIG deunos a razón, deixando sen efecto esa imposición!!!
Esiximos transparencia e a convocatoria xa das negociacións!
Dende a CIG esiximos transparencia á directora xeral de Emprego Público e aos entes INTECMAR, GAIN e AGACAL, e que convoquen sen máis demora a negociación das integracións, para que non se continúe a prexudicar a este persoal nas súas carreiras profesionais.