A Secretaría Xeral Técnica de Medio Ambiente convocou á CIG a unha xuntanza para este mércores 25 de novembro (ás 16.30 da tarde), para abordar as condicións laborais do persoal axente ambiental.
Ese día, 25N (Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller), un sindicato feminista como a CIG ten actos reivindicativos. É unha data inadecuada. Así llo transmitimos, e así solicitamos o cambio de data que non foi atendida.
O curioso é que a convocatoria chegounos na mesma mañá en que a CIG comunicou á subdelegación do goberno unha concentración para o día 26 de novembro (o día seguinte ao da convocatoria de Medio Ambiente).
Neste momento, a CIG non desconvoca a concentración prevista para o día 26. Quedamos á espera da actitude da Consellería na xuntanza do día 25, cando valoraremos se procede ou non desconvocar unha vez que verifiquemos a disposición certa e concreta, con cronograma de xuntanzas incluído e plan de traballo por parte da Xunta.