No DOG do 20/01/2023 publican a ORDE do 19 de xaneiro de 2023 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2023.

O título II da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galiza para o ano 2023, dedica o capítulo II a regular as retribucións de todo o persoal ao servizo da Comunidade Autónoma, e no artigo 11 establece que as retribucións non poderán experimentar un incremento global superior ao 2,5 por cento con respecto ás vixentes en 31 de decembro de 2022, en termos de homoxeneidade para os dous períodos da comparación, tanto polo que respecta a efectivos de persoal como á súa antigüidade.

Así mesmo, a disposición oitava da Lei 6/2022, do 27 de decembro, establece que as retribucións do persoal ao servizo do sector público recollidas no anexo de persoal para o ano 2023 recollen a previsión dun incremento retributivo do 2,5 por cento. Porén, estes importes non serán de aplicación ata que se habilite pola normativa da Administración xeral do Estado.

A disposición derradeira terceira da Lei 6/2022, do 27 de decembro, establece a súa entrada en vigor o día 1 de xaneiro de 2023. Polo tanto, esta orde recolle a variación nas condicións retributivas que se establecen nos orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, na contía do 2,5 por cento con efectos do 1 de xaneiro de 2023.