O xoves 17 de novembro, o Colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG ten convocadas concentracións nas sete cidades galegas en defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI.

Nos últimos meses estanse a publicar todo tipo de noticias sobre a viabilidade futura do sistema público de pensións, a capacidade para pagar aos e ás pensionistas actuais nos próximos anos, ou incluso sobre a posibilidade de manter as pagas extraordinarias. Informacións interesadas coas que se pretende xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións para favorecer os plans privados.

As sucesivas reformas das pensións e da Seguridade Social, aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, dificultan cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación. De feito, a última reforma aplicada polo Partido Popular elimina a referencia do IPC para o incremento das pensións e promove un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras.

Estas políticas provocan un empobrecemento maior dos/as pensionistas: case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, aumentándose a diferenza negativa. Así, en Galiza a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español. Esta situación é especialmente grave no caso das mulleres, pois 1 de cada 4 galegas maiores de 65 anos está baixo a liña da pobreza.

A todo isto sumase o roubo desde o Estado ás pensións dos/as emigrantes retornados e o estabelecemento polo Partido Popular dos repagamentos, a retirada de medicamentos moi usados do financiamento público, e o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais.

Fronte á ameaza constante ás pensións, actívate na defensa dos teus dereitos!!

Horarios e lugares das mobilizacións do 17 de novembro:

  • A Coruña: ás 12h na Subdelegación do Goberno.
  • Compostela: Ás 11h na sede da TXSS (r/ Carlos Briones Varela).
  • Ferrol: ás 12h no Edificio da Xunta.
  • Lugo: ás 13h na Subdelegación do Goberno.
  • Ourense: ás 11.30h no INSS.
  • Pontevedra: ás 11h na INSS (r/Gagos de Mendoza).
  • Vigo: ás 12h na Xunta de Galiza (Praza da Estrela).