Coas brigadas helitransportadas da Xunta en activo dende o 1 de Marzo, a falta de helicóptero déixaas inactivas namentres si contan con el nas bases de xestión privada.

Ao igual que rematou a campaña do ano 2016 -denunciado tamén daquela pola CIG- nas bases de helicóptero contra incendios de xestión pública da Xunta de Galicia, comezou a do 2017, co persoal das brigadas helitransportadas pero sen helicóptero.

Trátase das bases de Marroxo en Lugo, Campiño en Pontevedra e Vilamaior en Ourense, que contan co persoal da Xunta fixo-descontinuo de 9 meses -contratad@s dende o 1 de Marzo- que agora están a prestar servizo como brigadas helitransportadas sen helicóptero.

E mentres intencionadamente se limita a operatividade do servizo público, mantéñense bases como a de Toén (Ourense), xestionada pola empresa privada NATUTECNIA, con todo o persoal de terra e helicóptero.

Estamos agora no comezo da precampaña e increméntase a actividade incendiaria tal e como por desgraza ven sendo habitual coa suba das temperaturas.

Súmase a isto a grave deficiencia que causa a Xunta de Galicia na xestión destes ó prescindir intencionadamente de persoal de sobrada experiencia por desposuílos do seu medio de transporte e ataque ós propios lumes.

Paralelamente si se equipa ás brigadas helitransportadas de xestión privada -neste caso de NATUTECNIA- onde si posúen os medios necesarios e se convocan as contratas en tempo e forma ano tras ano, ampliándolle incluso as tarefas e os períodos de contratación.

Responde isto á práctica á que nos ten desgraciadamente acostumados a Consellaría do Medio Rural, favorecendo a privatización do dispositivo de loita contra incendios forestais ó externalizar cara empresas privadas a xestión e aproveitamento das bases de utilidade e propiedade pública. Prexudicase así o funcionamento do servizo coa única finalidade de privatizar e pasar o servizo público a mans privadas.

Nas condicións climáticas actuais, unha intervención na fase temperá de calquera incendios forestal coa experiencia do persoal da Xunta de Galicia co helicóptero, permite que o incendio se controle na fase incipiente do mesmo evitando que se faga de maiores proporcións cos perigos que iso entraña a tódolos niveis.

Seguimos sen entender por que a Xunta de Galicia deixa -tal e como fixo no final de campaña do ano pasado- as bases públicas sen o servizo de helicóptero durante boa parte do período de traballo. Trátase dunha actividade que se repite tódolos anos no referente ás contratacións e os períodos de actividade do persoal,e é inconcibíbel que non haxa unha previsión axeitada logo de tanto tempo de xestión dos lumes por parte do SPDCIF.