A Consellería de Sanidade decidiu repartir un complemento de produtividade ás persoas dependentes da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación. Os importes máximos poden ir dende 4.800 €/anuais ata os 1.200 dependendo do posto e grupo.

A consellería actúa unilateralmente contravindo as súas obrigas de negociación fixadas na Lei 2/2015 do Emprego Público de Galiza.

A CIG enviou escrito a Función Pública e Sanidade esixindo información, negociación e suspensión de calquera medida mentres a consellería non cumpra as súas obrigas.

Incumprindo as obrigas de negociación coa representación sindical que fixa a Lei do Emprego Público de Galiza, a Consellería de Sanidade decidiu fixar os criterios e importes para o reparto dun complemento de produtividade entre o seu persoal da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación.

O persoal da subdirección recibiu un escrito de “aceptación de criterios de distribución de incentivos do persoal da subdirección xeral de inspección, auditoría e acreditación de servizos sanitarios 2018”, que debían asinar, asumindo así os criterios decididos sen negociación.

Todo isto é froito dun acordo asinado en setembro do 2017 pola Consellería de Sanidade e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o control das incapacidades temporais no período 2017 a 2020. As bases do convenio marcan uns obxectivos e unhas retribucións diferenciados en concepto de “complemento de produtividade” diferenciado segundo a escala/grupo de pertenza do persoal funcionario.

Pero a Lei é clara: “serán obxecto de negociación [..] a determinación e aplicación das retribucións complementarias do persoal funcionario, [..] as que afecten ás retribucións do persoal funcionario [..]”, ou “a asignación deste complemento realízase conforme criterios obxectivos establecidos regulamentariamente coa necesaria información e participación dos órganos de representación sindical”.

A CIG dirixiu escrito a Función Pública e á Secretaría Xeral Técnica de Sanidade solicitando a suspensión de todo acto relacionado con este complemento de produtividade mentres non se proceda ao estrito cumprimento das obrigas de información e negociación que ten a Administración coa representación sindical das empregadas e empregados públicos.